O auditorio do castelo de Ribadavia acollerá o vindeiro 23 de agosto a quinta edición do festival “OurenRock Sound”. Xoel López, Sés e Os amigos dos músicos, son os artistas que participan nesta edición, que contará cun aforo de 400 persoas.
O presidente do goberno provincial destacou o apoio que vén dando a Deputación de Ourense “a este referente musical dos festivais galegos, que nesta edición tan especial, por mor da pandemia, se celebrará en Ribadavia con todas as medidas hixiénico-sanitarias e cun cartel de artistas excelente: Xoel López, Sés, e Os amigos dos músicos, que farán deste 23 de agosto unha cita inesquecible, que, ademais ten un importante compoñente social debido a que a recadación irá destinada integramente a Cruz Vermella Ourense”.
Baltar salientou o traballo de Rubén Álvarez e agradeceu ao alcalde de Ribadavia “a dispoñibilidade para acoller o festival”, remarcando que a Deputación seguirá apoiando a cultura, “un sector que nunca debe quedar atrás, e que nos propuxemos nun momento como este seguir apoiando; esa é a liña dun goberno provincial como o noso, que escrebe sempre “Cultura” con maiúsculas”, expresou Baltar.
Rubén Álvarez comentou que OurenRock “é un evento que se produce no seu 90 % con empresas e traballadores de Ourense”, estimando en 400.000 euros o seu retorno económico. Destacou que, nestes tempos, “os eventos culturais son os máis seguros e así o faremos o vindeiro 23 de agosto, contando con todas as medidas de protección para o público”, engadindo que mañá mércores saen a venda as entradas. Toda a información do evento pode seguirse en detalle na web: www.ourenrocksound.com.
Felipe Ferreiro explicou que a recadación do festival irá destinada a un programa de promoción escolar de verán para nenas e nenos de familias desfavorecidas, e o alcalde de Ribadavia destacou que OurenRock Sound “situará en agosto a Ribadavia como centro da fervenza cultural e musical, un feito no que destaca o ámbito solidario desta edición”, salientou César Fernández.