Ás doce en punto estalan os cristais das ventás, cada noite un misterio, un aterrecemento, primeiro o bruar xordo do vento, como un coitelo rañando nun arame dos da traída da luz, despois un callafrío na pel, un cheiro a xofre, e fica todo calado, non soa nin o murmurio do Asneiro como se tamén a auga se detera na presa do Leiro, ata que de súpeto, escoitase un ruido moi forte, como o estourido dun foguete o día da festa, un estoupido no cuarto da palleira e a xanela da cociña ábrese de par en par, así dende Santos ata o día de San Andrés.
Ás once, cando deixa de escoitarse o balbordo do Expreso, cando pasa pola vía dende A Pena ata o Prado de Carrón, a avoa collía o rosario e todos a repetir as letanías, pedindo para que se vaia “o mal de esta casa” vez tras vez sen ningúnn resultado, ás doce en punto e durante todo o mes de novembro repítese o mesmo fenómeno.
Avisado do mesmo, veu o cura e trouxo un San Antón de madeira, din que é avogoso, para os labregos e os animais. Deixouno na cociña ao carón da espeteira, e mandou que puxeran cada día doce candeas arredor ata que se cumprira unha novena, e ca auga bendita asperxeu as catro esquinas de cada cuarto, as cortes e ata a solaina e o corredor, decindo que debíamos rezar nove rosarios cada noite, porque “estos son espiritos dos mortos que non se queren ir por algunha promesa que non cumpriron ou por algún segredo que alguén non lle gardou” e decindo esto fixo catro cruces ca man no ar, colleu as dúas ducias de ovos de limosna para o santo, e foise por onde viñera, decíndonos a todos que fixeramos exame de concencia e nos foramos confesar antes da misa do domingo para despois comulgar en paz con Deus.
Foron inutiles todos os esforzos, por máis painosos e rosarios, por máis augas benditas e Salves, ó chegar as doce en punto, arrefriabase a casa, os cristais enchianse de néboa e estouraban tan forte que doían os oídos, e a xanela da cociña abríase tirando os pratos fregados ó chan, sorte que eran de latón, se foran os das festas xa terían escachado todos.
Unha noite, levantouse o tío Cándido a mexar, contaba a avoa, e veu no chan o chisqueiro do avó Amador, que fora un agasallo do seu irmán Benito que morrera na guerra e entón acordouse que a bisavoa Dorinda dixera, antes de morrer, que había que levarlle unha lata de aceite ás animas, porque como loitara no bando dos roxos, non fora ca súa ánima, precisara algúns folgos para sair do purgatorio, decatándose de esto, espertou ós avós e contoullo.
O outro día mercaron unha lata de “Giralda” na taberna do cruceiro de 5 litros do mellor aceite e levaronllo ó cura, aquela noite ás doce en punto veuse sair unha luz coma un lóstrego pola xanela da eira, e estourou toda a casa como se lle cargaran barrenos de dinamita e abríronse de golpe tódalas ventás. A partires de esa noite xa non houbo máis estouridos, nin cheiros a xobre, nin arrefríos e o único son que se oía era o do noso río querido, o Asneiro, que cantaba de novo, ledo a música de sempre.
Este conto escoiteino na Lareira unha noite de oscuridade pecha e forte invernía, cando zoa o vento e renxen as cancelas, mentres as pingas esmáganse doces nos cristais das fiestras, sorte co pai me dixo rindo: “non fagas ningun caso de estas andrómenas, sonche contos de vellas para asustar aos meniños, o aceite en vez de levarllo ó cura é mellor gardalo para facer un bo bacallou con cachelos, botarllo a unhas boas talladas de polbo ou fritir un bo capón. Os mortos non comen, eles xa non teñen máis parte co seu recordo no noso entendemento, e o noso cariño”. Aquela noite durmín ferradiño ao pai e cada vez que sopraba o vento encollíaseme o corazón e achegábame máis a el.
Agora, nestas noites de inverno onde parece que nunca escampará, cando escoito o vento forte e a choiva nos cristais, non me lembro nin dos espiritos, nin do aceite, só me acordo daqueles agarimos que ti me dabas, papá!.
Avelino Jácome