Decrecendo

Ninguén se cre o decrecemento?

Recentemente, Ferran Puig, recoñecido divulgador científico que recolle valoracións sobre a crise climática e outros temas relacionados no seu blog “Usted no se lo cree” sufriu a dura censura de Facebook que non permitían ligazóns a dito blog nas publicacións da coñecida rede social cualificándoas como “spam”, ou como “información non veraz”, entre outras.

É difícil dar crédito a esas cualificacións cando se analiza un pouco o perfil do censurado. Ferran Puig é Enxeñeiro Superior de Telecomunicación de titulación e xornalista científico e técnico de exercicio e mantén a convicción de que “o sistema mediático convencional e o sistema económico son estruturalmente incapaces de informar de forma adecuada e de afrontar o reto do cambio climático e a escaseza enerxética con eficacia ética suficiente. E que é moi posible que superásemos xa puntos de non retorno”. As múltiples publicacións do autor con ánimo informativo están cheas de datos e fontes contrastadas pero para Facebook non era suficiente.

Como resposta de apoio, ducias de científicos, analistas e escritores apoiaron a Ferran Puig nunha Declaración do Decrecemento ante a grave censura que Facebook levou a cabo pero que, ao tempo de escribir este artigo, xa foi retirada.

Non é o único caso o de Facebook. Xa sexa como censura pura e dura xa sexa por omisión inconsciente ou por calquera outro motivo, os medios xeneralistas son remisos a mencionar o Decrecemento, as súas teorías, consecuencias e obxectivos. Claramente estes chocan co discurso imperante do “crecentismo” considerado este como a obsesión económica por medrar que toca todos os eidos da nosa vida.
Decía Jorge Reichmann que “o ecolóxicamente necesario é cultural e politicamente imposible. E o politicamente posible non sae da traxectoria mortal na que nos atopamos: ecocidio máis xenocidio”.

Recoméndolles a lectura da Declaración do Decrecemento no blog do autor censurado que poden atopar no enderezo web: https://ustednoselocree.com pero mentres, adiántolles un pequeno fragmento:
“O actual paradigma socieconómico de desenvolvemento industrial, caracterizado polo seu curtopracismo e individualismo metodolóxico, resulta progresivamente disfuncional e é intrinsecamente incapaz de abordar estes problemas [fala da crise ecolóxica, climática e enerxética]. Neste marco, a consideración da información como produto impide que estas cuestións, consideradas incómodas ou inaxeitadas para o propósito empresarial, cheguen ao gran público e poidan ser obxecto de debate aberto”.
Por este e outros motivos estou especialmente orgulloso desta humilde columna decrecentista.