Barra de Miño (Coles) acolle o vindeiro sábado, 3 de outubro, a segunda proba do campionato provincial Xogade, enmarcado na Copa Deputación de Ourense de Piragüismo. A regata foi presentada no Pazo Provincial, coa participación do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Coles, Manuel Rodríguez, o xefe de servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o delegado provincial da Federación Galega de Piragüismo, José Manuel Fernández, e o presidente da Escola Municipal Ourensana de Piragüismo, José Luis Fernández.
A proba terá lugar o sábado, a partires das 16.30 horas, logo de terse celebrado hai unhas semanas a primeira proba en Castrelo de Miño e precedendo á que se disputará en Muíños o 24 de outubro, puntuables todas elas para a liga provincial de piragüismo. Un total de 178 regatistas a partires de 12 anos de idade daranse cita neste evento deportivo, no que se disputarán diferentes probas individuais con distancias de entre un e catro quilómetros de percorrido.
Pola súa banda, José Manuel Fernández, puxo de relevo “a gran canteira de piragüistas coa que contamos na nosa provincia, salientando a implicación de clubs, directivos, pais e regatistas, e José Luis Fernández agradeceu a colaboración das institucións para facer realidade a celebración desta proba. O alcalde de Coles avogou “por seguir cooperando na mellora das infraestruturas para a práctica dos deportes náuticos”, mentres que Manuel Pérez remarcou o apoio da Xunta “a un evento que contará coas máxima medidas de seguridade”, remarcando “o exemplo deportivo que supón a Federación Galega de Piragüismo”.