Sortearanse máis de 5.000 euros en premios.

O Peto dos Desexos adiántase este ano e vén máis cheo que nunca

A campaña “O peto dos desexos” que o Concello de Allariz e o Comercio Local desenvolven cada nadal, adiántase este ano para incentivar a adiantar as compras do consumidor local.
Ademais este ano, o peto vén máis cheo que nunca e sorteará máis de 5.000 euros en premios neste Nadal de 2020-2021, repartidos en 35 vales, 15 vales de 200 euros e 20 vales de 100 euros para gastar no comercio local de Allariz.

María López, Concelleira de Promoción Económica, Turismo e Comercio falou da importancia do consumo local, de proximidade, o produto de calidade e a atención personalizada que os nosos comerciantes e hostaleiros dan día a día nos seus establecementos.
Poderán participar neste sorteo toda persoa, maior de idade, que realice unha compra ou varias por valor mínimo de 30 euros nun establecemento comercial ou hostaleiro de Allariz durante os días 16 de novembro de 2020 ata o 6 de xaneiro de 2021 (ambos incluídos).

Sorteo
O sorteo público terá lugar o venres, 8 de xaneiro, de 2021 ás 11:30h diante do Peto dos Desexos, e será gravado e publicado nas redes do Concello de Allariz e de Comercio e Hostalería.
Esta iniciativa local completa a proposta de Nadal do Concello de Allariz que contará cun variado programa de actividades e cunha orixinal decoración de Nadal que fai que Allariz sexa todos os anos nestas datas visita obrigada.