A Consellería de Política Social e a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia veñen de publicar a resolución de axudas destinadas a realizar programas de interese xeral para fins de carácter social con cargo á asignación tributaria do 0,7% do imposto sobre a renda das persoas físicas. Para o CDR “O VISO” esta é unha das fontes de financiación máis importante para darlle continuidade ás actividade desta entidade e afrontar a posta en marcha de novos programas que respondan as necesidades da realidade limiá.
No DOG do pasado venres 15 de xaneiro está a resolución citada e aparece como Terra e Xente, agrupación de asociacións que nace no mes de maio de 2017 e que aúna a catro entidades sociais que traballan no medio rural galego: O Centro de Desenvolvemento Rural Ancares, a Asociación Euro Eume, o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas e o Centro de Desenvolvemento Rural O Viso. A maiores entrou nesta convocatoria a Asociación Boa Vida Inclusión Activa.
A contía recibida a través desta subvención usarase para 11 programas e equipamento terapéutico e de cociña para os servizos de proximidade e o centro de inclusión achégase ós trescentos mil euros (292.913,88 €) e permitirá seguir atendendo as necesidades da poboación limiá a través dos programas de maiores, infancia, conciliación, igualdade, emerxencia social, voluntariado, servizos de proximidade, persoas migrantes e dinamización comunitaria, entre outros.
Desde o CDR O Viso recordan que a súa máxima é “o que é necesario é posible e ademais realizable”, por iso «mantemos o noso compromiso firme de traballar por e para a veciñanza da Limia, facendo real a utopía, reivindicando o ben común e o medio rural».
A situación sociosanitaria xerada pola COVID-19 está mudando o noso xeito de traballar e de vivir, como a todas as persoas, pero O Viso continuará «con cada un dos programas durante o ano 2021 con estritas medidas de prevención de contaxio».