O Concello de Ourense volverá agasallar este verán cun libro a todos os nenos e nenas da cidade, de 0 a 18 anos de idade. Será un exemplar á súa escolla, por importe de até 20 euros -se supera esa cifra, a diferenza deberá ser achegada polo interesado- que poderán retirar en calquera das librarías da cidade. O Concello dálle continuidade así á campaña realizada de forma pioneira o pasado verán, coa que máis de 8.470 nenos e nenas recibiran este agasallo do Concello como premio aos seus esforzos durante o confinamento e durante o curso escolar. Tras a boa acollida da primeira edición, o Concello repite e amplía a fórmula para chegar á totalidade de menores de 18 anos, incluíndo tamén os que cheguen a esa idade en 2021.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, lembra que “despois da pandemia, Ourense tivo unha iniciativa que foi pioneira en España polo alcance que tivo, agasallando cun libro a todos os menores de Ourense, que podían en elixir calquera formato, contido ou idioma”. Foi “unha iniciativa tremenda porque foi boa para o pequeno comercio, boa para os libreiros, boa para fomentar a lectura”, subliña; “a cultura é para os nenos, moitos dos cales se emocionaron porque vían que o Concello lles daba un premio polo seu esforzo durante o confinamento e durante un curso tan atípico”, di Pérez Jácome.
Tamén pon en valor o alcalde que “moitos pais que levan aos nenos á libraría acaban por comprar tamén outro para eles, e toman fidelidade cos comercios e volven, ocasionando un maior tráfico nas librarías locais que non se deu noutras cidades de España”. “Foi tal éxito a campaña que temos que repetila porque só arroxa cousas boas”, asegura o alcalde.
Até os 10.000
Coa finalidade de avanzar no alcance da campaña este ano, explica, “será máis ampla, xa que a estenderemos a todos os nenos, desde os cero anos até os 18, desde o día das vacacións escolares até finais de agosto”. O único requisito é acudir a unha libraría e presentar o DNI. Coa ampliación da campaña, o Concello confía en chegar aos 10.000 nenos e nenas da cidade.
A campaña “Un libro desconfina a túa imaxinación” desenvolveuse do 1 de xullo ao 14 de agosto de 2020, e participaron 35 librarías e papelarías da cidade.
SOURCE: Campaña agasallo libro