Os grupos políticos con representación no Concello mantiveron unha segunda reunión para avanzar na elaboración dunha ordenanza sobre o uso de veladores nos espazos públicos. Os traballos “van ben encamiñados” segundo manifestou o alcalde Pérez Jácome. Os grupos emprazáronse para unha reunión dentro de 15 días.
A ordenanza municipal permitirá regular a instalación e uso de terrazas de veladores en espazos de uso público do Concello de Ourense, de xeito que sexa factible conciliar a actividade económica que se desenvolve neste tipo de instalacións cos dereitos do resto da cidadanía, tanto das persoas que pretenden exercer o seu dereito ao lecer coma das que demandan o seu dereito ao descanso. O coordinador xeral, Francisco Cacharro, fíxolles chegar aos grupos municipais unha proposta de redacción da ordenanza logo de recompilar información de diferentes unidades administrativas.
Para o alcalde Gonzalo Pérez Jácome “esta ordenanza de veladores, que vai requirir unha maioría plenaria. Tódolos partidos están facendo as súas achegas e estase chegando a consensos”.
A elaboración e tramitación dunha ordenanza é un procedemento que se estima nun prazo de catro a seis meses. Este procedemento esixirá de dous trámites de información pública, un de consulta pública previa a redacción do proxecto, e un segundo trámite, posterior a aprobación inicial polo pleno.
A colocación de terrazas en espazos de dominio público constitúe un aproveitamento especial que está suxeito a una autorización administrativa municipal. Esta autorización é necesaria tanto en espazos públicos como espazos privados de uso público, con independencia de que administración sexa a titular da vía.
Para a elaboración deste anteproxecto de Ordenanza contarase, pois, coa participación dos grupos políticos da corporación, coa participación dos colectivos afectados, hostaleiros e veciñanza, así como, dada a amplitude e diversidade do ámbito de actuación administrativa, de diferentes servizos como a Policía Local, Servizos de Emerxencias e extinción de incendios, Vivenda e PERIs, Urbanismo ou comercio, serán necesarias as súas achegas ao documento final.
Este anteproxecto de Ordenanza, a diferenza da Instrución aprobada recentemente polo Concello de Ourense si tería efectos xurídicos retroactivos sobre as licenzas actualmente en vigor, de modo que calquera instalación actual deste tipo tería que adecuarse a nova norma, para o cal disporían dun prazo para ada, unha vez aprobada. De non facelo, o Concello declararía de oficio a caducidade das licenzas non adaptadas, previa audiencia dos interesados.
O anteproxecto da Ordenanza de veladores contemplará aqueles espazos onde a súa instalación estará restrinxida, como espazos da vía pública que dificulten a visibilidade ou entorpezan o paso de persoas e vehículos, impidan o acceso e uso de elementos urbanos así como a limitación da proximidade a inmobles declarados bens de interese cultural, esculturas ou outros elementos ornamentais análogos.
A proposta do coordinador xeral recolle boa parte das medidas aprobadas xa na instrución de veladores, como horarios, emprazamentos, etc., e do mesmo xeito, aporta novidades, como un réxime de sancións na previsión de producirse incumprimentos das disposicións establecidas na ordenanza, pero que, como todo o documento en proceso de formación, está aberto a novas achegas que se realicen durante o procedemento de redacción.
SOURCE: ordenanza veladores