«A nosa responsabilidade colectiva debe poñernos en “pause” este Entroido». Con esta mensaxe, contida nun mural xigante que ven de ser colocado na praza García Barbón da vila do Támega, o Concello de Verín quere enviar a todos os seus veciños unha mensaxe de esperanza, de confianza no futuro e de paciencia e contención nas presentes datas, por mor da pandemia.
«Pause non é stop», indican desde o consistorio, «senón agardar, reservar, aplazar, postergar, demorar, prorrogar, pero en ningún caso abandonar». As circunstancias presentes aconsellan «facer da paciencia máis virtude ca nunca», e procurar xeitos simbólicos de lembrar o noso maior patrimonio cultural, «que nestas datas ten que pasar por permanecer en pause».
A diferencia doutras épocas históricas, nas que a rebeldía e a trangresión «foron en si mesmas o xeito de manter vivo o Entroido», nas presentes circunstancias «a mellor homenaxe que se lle pode facer á nosa celebración máis querida é cumplir coas normas sanitarias».
A colocación dun Cigarrón xigante na praza García Barbón, escenario central de tantas e tantas celebracións no Entroido, punto de concentración de milleiros de persoas de xeito continuado desde o mércores, 10 de febreiro, e ata o mércores de cinsa «quere simbolizar, coa presencia da figura central do noso querido ciclo festivo, que todos estamos alí, aínda que cada un desde o noso corazón, cumprindo coa nosa responsabilidade para voltar con máis forza cando sexa posible. O Entroido só está en “pause”, nunca en off».
SOURCE: O Entroido de Verín en "pause"