O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou acompañado do alcalde da Gudiña, José María Lago, as obras de construción da nova senda peonil na estrada OU-533 que facilita o acceso á nova estación do AVE, e nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade investiu 48.100 euros.
Gabriel Alén sinalou que o obxectivo foi mellorar a accesibilidade á nova estación, aínda que é preciso resolver a súa continuidade por parte de Adif nos terreos internos da terminal e no paso inferior, que provoca un estreitamento e unha redución de gálibo que debe ser solucionada. A Xunta xa lle trasladou esta cuestión a Adif, pero ata o de agora non houbo resposta.
Os traballos consistiron na construción dunha senda de formigón pola marxe esquerda da estrada. Prolongouse dende o punto quilométrico 0,070, no paso baixo o ferrocarril, ata as proximidades da localización da futura estación Porta de Galicia.
O itinerario ten unha anchura de 2,50 metros desde o inicio e ata o punto onde abandona a marxe da estrada e pasa a discorrer máis afastada, aproveitando a antiga calzada, onde, ao dispoñerse de máis espazo, se amplía ata os tres metros.
SOURCE: Senda peonil AVE A Gudiña