A rolda de encontros institucionais levou ao delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, a reunirse cos alcaldes de Vilamarín, Amador Vázquez, e Piñor, José Luís González, cos que analixou as principais demandas destes municipios en relación á Administración autonómica.
No caso do municipio de Vilamarín, os principais asuntos que repasaron foron en materia deportiva, de infraestruturas e saneamento. Neste último caso, o delegado destacou as obras de mellora do abastecemento ao parque empresarial e aos núcleos das Quintás e da Ría, por un importe de máis de 165.000 euros, que xa comezaron hai uns días. Neste parque empresarial lévase investido dende a ano 2016, ao abeiro da orde da Vicepresidencia 2º destinada a parques empresariais, preto de 300.000 euros.
En canto ao concello de Piñor, Gabriel Alén tivo a ocasión de analizar xunto co seu rexedor, José Luís González, temas prioritarios para o municipio en materia ambiental e de patrimonio cultural, entre outros. O delegado sinalou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vai contratar a redacción do proxecto da segunda fase da travesía do Reino. Así mesmo, destacou que Vicepresidencia primeira está a redactar o proxecto de construción dun novo albergue para peregrinos, que ascende a preto dun millón de euros, e cuxa singularidade é que contará con cabalarías para aqueles peregrinos que fagan o camiño a cabalo.
SOURCE: Delegado da Xunta cos alcaldes de Vilamarín e Piñor