O delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e mais o alcalde do Pereiro de Aguiar, Luis Menor, reuníronse telematicamente para que o primeiro fixera balance das recentes inversións da Xunta de Galicia no concello.
Destacan as achegas da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo de 40.000 euros para a creación e adecentamento de varios parques infantís; a da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para mellorar o equipamento dos locais utilizados na realización de actividades culturais, e a actividade “Un Camiño imaxinado” dentro do programa O teu Xacobeo, que entre ámbolos dous superan os 21.000 euros.
Gabriel Alén tamén lle lembrou a aportación da Consellería do Medio Rural, a través do Plan de Infraestruturas Rurais, de case 48.000 euros para acondicionar o camiño de Pedraio ata Medorra.
Tamén analizaron as principais demandas deste municipio en relación á administración autonómica. En concreto, o rexedor trasladoulle ao delegado territorial unha información máis polo miúdo do Plan de Sendas e a posibilidade de contar máis axudas para desenvolver novos proxectos culturais.
SOURCE: Reunión alcalde do Pereiro co delegado da Xunta