O CEIP Roberto Blanco Torres e o parque empresarial, respectivamente.

O delegado da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén, visitou os concellos da Peroxa e Vilamarín. Concretamente, o CEIP Roberto Blanco Torres, no primeiro e o parque empresarial e os núcleos das Quintás e da Ría, do segundo.

A Peroxa
O delegado, puxo en valor o traballo dos centros de ensino no rural que, coma este, ofrecen un modelo educativo de calidade, á vez que moi apegado ao territorio e ao contexto da comunidade na que se enmarcan.

Neste sentido, destacou que este colexio CEIP Roberto Blanco Torres, no que están matriculados 25 alumnas e alumnos, fomenta a adquisición de competencias en inglés por parte dos seus estudantes, a través do desenvolvemento dunha sección bilingüe. Ademais, o centro facilita a conciliación familiar a través do servizo de comedor escolar.

O representante do Goberno galego felicitou á comunidade educativa deste centro polo seu labor para garantir a seguridade sanitaria no centro educativo no contexto da covid-19 e destacou a implicación do equipo directivo e dos docentes a este respecto.

Vilamarín
E no Concello de Vilamarín para supervisar, acompañado do alcalde, Amador Vázquez, e dos representantes empresariais, as obras de mellora do abastecemento ao parque empresarial e aos núcleos das Quintás e da Ría, que a Xunta, a través de Augas de Galicia, adxudicou á empresa Hordescon, S.L. por un importe de máis de 165.000 euros.

Gabriel Alén puido comprobar o bo ritmo dos traballos que emendarán os problemas de auga do parque empresarial depende do depósito de Vilamarín e do de Bouzas, con captacións deficitarias que fan que en época estival o subministro sexa insuficiente; así como do depósito da Pena, que á súa vez se nutre do de Moure, no veciño concello de Coles.

O delegado territorial manifestou “que con esta actuación garántese a subministración de auga en calidade e cantidade axeitada aos núcleos de poboación e ao parque empresarial”; e engadiu, “agardamos que cando a obra estea definitivamente rematada, os veciños de Vilamarín xa non teñan problemas para abastecerse de auga en abundancia e da máxima calidade”.

A intervención nos núcleos de Quintás e da Ría vén derivada do mal estado no que se atopa o colector que conecta o depósito radicado en San Vicente de Readegós, do que se abastecen.

Nestes núcleos, Augas de Galicia está a substituír o colector existente e dos ramais necesarios para abastecer ás vivendas pertencentes a eses núcleos. Tamén se están a instalar válvulas redutoras de presión radicadas dentro de arquetas de formigón armado. Ademais, no interior de pozos de rexistro de formigón instalaranse ventosas nos puntos altos, baleirados nos puntos baixos, así como válvulas de comporta e bocas de rego.

SOURCE: Visita A Peroxa e Vilamarín