O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, presidiu unha nova reunión do Centro de Coordinación (CECOR) provincial establecido para o seguimento dos dispositivos de seguridade vencellados á actual situación sanitaria. No encontro, celebrado na Subdelegación do Goberno, participaron responsables da Garda Civil, da Policía Nacional, da Policía Autonómica, da Policía Local de Ourense e representantes da Subdelegación do Goberno e da Xunta de Galicia.
Emilio González informou de que nesta xuntanza perfilouse o dispositivo especial para a Semana Santa, coordinado entre as distintas forzas e corpos de seguridade. O subdelegado sinalou que os operativos priorizarán o control do peche perimetral da Comunidade Autónoma, así como a vixilancia das estacións de autobuses e tren e das áreas máis turísticas da provincia para evitar desprazamentos non autorizados.
Outra parte do dispositivo estará enfocada nos controis nos diferentes establecementos de hostalaría para garantir o cumprimento das medidas decretadas pola Xunta de Galicia e, ao mesmo tempo, apoiar a labor preventiva no sector. González Afonso indicou que tamén se acordou o reforzo do control nocturno, posto que a limitación da mobilidade nocturna en Galicia mantense entre as 22 e as 06 horas. Así mesmo, as forzas e corpos de seguridade vixiarán o cumprimento das restricións nos municipios da provincia que, a partir desta medianoite, se atopan no nivel máximo (Beade e Maside).
Balance
Durante a reunión tamén se fixo balance das actuacións levadas a cabo polas forzas e corpos de seguridade durante a última semana para vixiar o cumprimento das medidas aprobadas polo Goberno autonómico. En total, do 18 ao 24 de marzo a Garda Civil e a Policía Nacional realizaron 378 dispositivos de control e vixilancia sanitaria nos que participaron 1.091 axentes. Neles identificouse a 1.617 persoas, controláronse 1.237 vehículos e eleváronse 129 propostas de sanción. No ámbito da hostalaría realizáronse 167 inspeccións en establecementos e interpúxose unha sanción.
Por último, o subdelegado do Goberno lembrou que “é preciso seguir actuando con responsabilidade e cumprindo a normativa establecida para poder manter a raia o número de contaxios. De todos nós depende non volver atrás”.
SOURCE: CECOR Ourense marzo 2021