O concelleiro de Seguridade Cidadá, Telmo Ucha, acompañado de responsables da Policía Local e técnicos municipais, asistiron ás probas dun sistema de identificación de matrículas que permita controlar o acceso de vehículos ás zonas restrinxidas ao tráfico na cidade. Será un sistema “complementario cos de control de velocidade fixos e móbiles que se porán en marcha coa maior brevidade posible”, en palabras do concelleiro.
O sistema, que foi probado na intersección da rúa do Progreso coa rúa da Concordia, identifica matrículas e realiza a lectura das placas dos vehículos. Grazas á intelixencia artificial é capaz cruzar datos doutras características do vehículo, coma o modelo, cor, etc.
Este sistema estaría conectado a unha rede de información que permite subir datos a unha nube para controlar todos os vehículos que pasan nun momento determinado por unha rúa, permitindo coñecer as necesidades de mobilidade que poida ter o municipio –control de tráfico, número e tipo de vehículos- así como vixiar aqueles que non conten cun distintivo medioambiental, coa idea de afastar este tipo de vehículos dos cascos urbanos.
Todo este traballo estase a desenvolver mediante a colaboración de empresas do sector en Galicia e os técnicos do Centro de Intelixencia Artificial do Concello de Ourense.
Deste xeito intentarase darlle solución ao problema do acceso ao centro histórico e demais zonas de tráfico restrinxido.
SOURCE: Videovixiancia zona centro