A xerente do Inorde, Emma González, visitou o Concello de Parada de Sil, municipio declarado de Interese Turístico, onde se reuniu co alcalde e co concelleiro de Cultura e Turismo do municipio, Aquilino Domínguez e Francisco Magide, respectivamente, e co técnico de Turismo do Concello, Fernando Souza, para coñecer de primeira man a realidade turística e empresarial do municipio e buscar accións que fomenten a sustentabilidade turística.
Na visita, a xerente do Inorde destacou que Parada de Sil é “un enclave fundamental da Ribeira Sacra, destino de gran recoñecemento que cada vez atrae a un maior número de turistas” e lembrou que a Deputación de Ourense foi a que impulsou reactivar o procedemento para a candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da UNESCO, un recoñecemento que será clave na reactivación económica da provincia trala crise sanitaria.
Emma González coñeceu in situ como en tempada alta, a pesar das circunstancias actuais, se está a traballar en materia de turismo na zona, logo de que o Concello de Parada de Sil abrira o pasado 19 de marzo a súa tempada turística 2021, co Mosteiro de Santa Cristina, a Casa – Museo Fábrica de Chocolate e a Oficina de Turismo abertos xa para recibir aos visitantes.
A xerente do Inorde dixo que dada a gran capacidade que ten esta zona para atraer a turistas, “precisa dunha planificación adecuada para que a experiencia dos nosos visitantes sexa satisfactoria ao tempo que se respecta o medio ambiente e se minimiza o impacto do turismo no entorno, tal e como se reflexa no Plan de Sustentabilidade Turística”. Nese mesmo sentido, o alcalde de Parada de Sil trasladoulle á xerente do Inorde as principais liñas estratéxicas de sustentabilidade e coidado do entorno medioambiental, cultural e paisaxístico que teñen pensado desenvolver no municipio.
SOURCE: INORDE accións en Parada do Sil