O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou a escola infantil Virxe da Cova na cidade das Burgas. Despois de facer un percorrido polas instalacións do centro, o representante provincial do Executivo galego mantivo unha reunión de traballo con membros do equipo docente para informalos de que vén de abrirse o prazo de inscrición para o curso 2021-22 nas 173 escolas infantís da rede autonómica. Esta convocatoria, cuxo período de inscrición permanecerá aberto ata o 12 de abril, pon á disposición das familias 10.383 prazas nos 26 centros da provincia e 1.207 prazas na provincia de Ourense.
O delegado territorial sinalou que, transcorridos sete meses desde o inicio do curso, as escolas infantís teñen demostrado que se pode impartir este nivel educativo con total seguridade, aínda no contexto máis complicado. Neste sentido, apuntou que as nenas e nenos, os profesionais e as familias, respectaron todas as recomendacións sanitarias, o que permitiu que o curso se desenvolvese con normalidade.
En canto ás 41 prazas nas que se incrementa a oferta do vindeiro curso, apuntou que son o resultado da entrada en funcionamento do centro de Paderne de Allariz.
O vindeiro curso será, ademais, o segundo no que se aplique a gratuidade para segundos fillos e sucesivos en escolas infantís privadas, municipais e de iniciativa social. Así mesmo, a Xunta segue apostando polos recursos de conciliación no rural coa posta en marcha de preto de 100 casas niño repartidas pola Comunidade.
SOURCE: matrícula escolas infantís