As 27 baixas definitivas ou ceses por xubilación desde o ano 2015 deixou ao Concello de Verín cun alarmante déficit de técnicos e traballadores especializados que lle impiden abordar novos proxectos. Actualmente so conta con tres funcionarios de nivel A1, concentrados nas áreas de Urbanismo e Secretaría, e carece, por exemplo, de informático ou especialista en enxeñería para abordar os novos retos da administración local. O consistorio, para reverter esta situación, prepara un plan de dixitalización e una oferta de emprego público de 32 prazas (15 prazas fixas, e 17 temporais.)
«A situación é moi grave, porque nunca Verín acometeu tal cantidade de proxectos, pero nunca tivo tan poucos medios propios para informalos e desenvolvelos. Nunha época na que se prevé a chegada dos fondos Next Generation, ademais dos estruturais e todo tipo de subvencións, manter unha plantilla obsoleta é un suicidio para Verín», explicaron dende o grupo de goberno.
Ante esta circunstancia, o Concello prepara un ambicioso plan de modernización, que pasa pola dixitalización de todos os servizos municipais, a introdución das novas tecnoloxías en todas ás áreas da administración local e a informatización do conxunto das actividades de xestión.
Así mesmo, o Concello prepara unha oferta de emprego público de prazas, que cubra as vacantes xeradas polas xubilacións nos últimos anos, especialmente destinadas aos postos técnicos necesarios e de especialistas como policías locais, para garantir uns servizos de calidade aos veciños de Verín.
«O necesario ritmo de xestión que reclaman os cidadáns non pode manterse sen técnicos de administración xeral ou especialistas nas distintas áreas, é irresponsable que un concello cun orzamento de 10 millóns de euros só conte con tres funcionarios superiores».
Un 89% de déficit
Segundo as disposicións legais orzamentarias, as áreas de gasto definidas na administración pública son 26. Tomando esta cifra orientativa como referencia, faltaría 23 técnicos superiores ou medios por área, das que ocupan e desenvolven os proxectos das 13 concellerías que ten o goberno, como asuntos sociais, medio ambiente ou facenda.
«Existen dous tipos de concellos – matizaron desde a dirección municipal- os que souberon adaptarse ao servizo público dos seus veciños, caso de Allariz en Galicia ou de Avilés en Asturias, e se converteron en referentes, e os que se deixaron asoballar polo paso do tempo e remataron en antigos e obsoleto». Varios informes alertan da obsolescencia da plantilla, e do lastre de xestión que supón este feito, cun deterioro na administración local conforme pasa o tempo sen palialo.
«Este déficit técnico, cifrado nun 89%, supón un lastre brutal que non nos podemos permitir. Logo de modernizar as infraestruturas urbanas básicas na primeira lexislatura, na presente imos a modernizar a principal ferramenta municipal para garantir unha administración local de primeira para os veciños de Verín».