A contorna do encoro de Cachamuiña, que a Deputación de Ourense está a converter no maior parque natural, de deporte e ocio de toda a provincia, contará cunha área de aparcamento totalmente acondicionada para dar resposta á gran afluencia de cidadáns que, utilizando os seus vehículos particulares, se achegan ata este punto do Concello de Pereiro de Aguiar. O novo aparcadoiro será unha realidade grazas á cesión por un período de trinta anos dos terreos necesarios para este proxecto por parte da comunidade de propietarios do monte comunal da Chaira. Así o reflicte o convenio de colaboración asinado no Pazo Provincial entre o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o presidente dos comuneiros da Chaira, Emilio Pato, acto que contou coa presenza do alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor.
O aparcadoiro estará situado nunha parcela entre a estrada provincial OU-508 (Ponte dos Gozos-Parada de Sil) e un tramo do antigo trazado desta estrada. A cambio da cesión, a Deputación de Ourense xestionará a biomasa existente na faixa da rede primaria que discorre paralela a esta estrada e incluída no monte da Chaira, en concreto nas dúas marxes do treito que vai desde a rotonda da OU-536 ata o colexio público Ben-Cho-Sey. As melloras medioambientais e as actuacións que executa a Deputación para converter a contorna do encoro de Cachamuiña nun parque perirubano (con instalacións infantís, o parque da Igualdade, outro de calistenia e un parque canino), así como a súa proximidade á capital, están a xerar unha gran presenza de público que fai necesario ampliar as actuais zonas de aparcamento.
Manuel Baltar agradeceu aos dos comuneiros da Chaira “a súa cooperación para poder acometer estas obras, que, sen dúbida, contribuirán a mellorar a contorna do encoro de Cachamuíña, un labor que desenvolvemos conxuntamente co Concello de Pereiro de Aguiar para que esta área sexa o gran pulmón verde da capital ourensá e un lugar de referencia de natureza, saúde, deporte e lecer”.
SOURCE: Aparcadoiro Cachamuíña