Por Eles TEA Ourense confórmano un gran equipo de familias e profesionais que buscan cada día cubrir as necesidades das persoas con TEA. Este mes de abril -concretamente o día 2- celebrouse o Día Mundial da concienciación sobre o autismo. Por este motivo queremos dar a coñecer, un pouco máis de preto, á Asociación Por Eles TEA Ourense, asociación que conta con tres anos de vida e que atende en toda a provincia a persoas con trastorno do espectro autista.
Explícanos que é o T.E.A.?
Eva Guzmán Freijedo: «O trastorno do espectro autista é un trastorno do neurodesenvolvemento que afecta principalmente ás áreas da comunicación e interacción social (comunicación social), á capacidade de ficción e imaxinación, ao que tamén podemos referirnos como intereses restrinxidos, e á flexibilidade do pensamento e da conduta. As características das persoas con T.E.A. están presentes dende o nacemento e mantéñense ao longo de toda a vida, aínda que estas poden mellorar significativamente a través dunha intervención adecuada e do uso de apoios e recursos necesarios».
>>»Estímase que 7 millóns de persoas teñen T.E.A. en Europa. En España, máis de 450.000 e en Galicia ao redor de 27.000. O diagnóstico de T.E.A. realizase xeralmente entre os 18 e 24 meses, a partir deste momento as familias comezamos un longo proceso de visitas a especialistas e profesionais que nos acompañarán ao longo de toda a vida dos nosos fillos e fillas».
Tres anos xa pasaron desde que tivestes que crear a asociación Por Eles T.E.A. Ourense. Cal foi o motivo polo que houbo que dar ese paso?
E.G.: «Principalmente porque non había unha asociación que cubrise tódalas necesidades que os nosos fillos necesitan, tanto a nivel de profesionais de diferentes ramas, como necesidades da vida diaria e actividades tan normais para unha familia como actividades extraescolares, de ocio ou deportivas… a nosa asociación intenta, na medida do posible atender tódalas demandas que as diferentes familias lle propoñen, demandan ou se nos ocorren para estimulalo seu desenrolo en cada etapa da súa vida».
Que conseguistes durante este tempo?
E.G.: «Conseguimos formar un gran equipo entre familias e profesionais, intentando mellorar día a día para cubrir tódalas necesidades das persoas con T.E.A.».
Cales son os servizos que ofrecedes?
E.G.: «Entre tódolos servizos que ofrecemos o principal que ocupa o día a día é o Servizo de Terapias que desenvolve o equipo interdisciplinar de profesionais de Por Eles baseado nunha atención individualizada, adáptase ás distintas características e contornas da persoa con T.E.A. e a súa familia. Neste servizo aténdese a nenos dende os 0 anos, ata adultos, dende Logopedia, Psicóloga, Terapia Ocupacional e grupos de Habilidades Sociais».
>>»Esta atención individualizada desenvólvese tanto na sede da asociación como nos contextos naturais da persoa (casa, colexio, parque, etc…) sendo esta unha opción de intervención que só ofrece Por Eles en toda a provincia, tamén existe a opción de intervención telemática que permite chegar a tódalas partes do mundo e que tivemos que desenvolver por unha banda debido á crise sanitaria e pola outra para poder chegar a zonas máis afastadas das capitais onde as familias non encontran recursos especializados para os seus familiares con T.E.A.».
A cantas persoas atendedes na provincia?
E.G.: «Ao longo destes anos o número de familias socias sempre variou entre 20 e 30, pero son moitas máis as familias que teñen fillos ou fillas con T.E.A., ou familiares próximos con este diagnóstico, e que aínda non nos coñecen ou non saben que servizos pode ofrecer unha Asociación de Familias a unha persoa con T.E.A. ao longo de todo o ciclo vital».
Cales son as reivindicacións que lle pedides ás administración públicas?
E.G.: «Pedímoslle colaboración e medios para levar a cabo o noso traballo, para que as familias non teñan que levar todo o peso tanto económico como social que implica ter un familiar con T.E.A.».
Quen queira, como se pode poñer en contacto con vós?
E.G.: «Estamos en case tódalas redes sociais, Facebook, Instagram, a través da páxina web. A diario respondemos mensaxes que chegan ao correo info@peteaou.org e por teléfono no 988 701 658. Tamén hai familias que chegan directamente á sede da asociación no barrio da Ponte en Rúa Ramón y Cajal, nº6; atendemos en horario de 9 a 13h. normalmente xa que polas tardes tódalas profesionais están atendendo ás familias do Servizo de Terapias».
Tamén contades co apoio de empresas, importante para a vosa labor estas axudas.
E.G.: «A verdade é que en Ourense notamos que as persoas en xeral, e tamén empresas privadas están moi implicadas coas asociacións sen ánimo de lucro, tanto a xente do barrio, amigos, familiares, pequenos establecementos e grandes empresas como Coren ou CieGalfor colaboran activamente co noso proxecto».
SOURCE: Por Eles TEA Ourense