A pista de atletismo do campus universitario reunirá o sábado, día 8, a máis de 200 atletas na sétima edición do Ourense Termal Athletics Meeting, competición de ámbito nacional incluída no calendario da Real Federación Española de Atletismo. “Unha gran oportunidade para difundir a través do deporte a imaxe de Ourense como un destino turístico termal, seguro e de calidade”, dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, na presentación deste campionato, que conta coa colaboración da institución provincial e do Inorde.
No acto tamén estaban presentes a vicerreitora do campus ourensán, María Esther de Blas; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos; o xefe de servizo de Deportes da Xunta en Ourense, Manuel Pérez; o coordinador da proba, Eladio Gómez; e o asesor de deportes da Deputación, Bernardino González.
Rosendo Fernández destacou a forte aposta que a institución provincial segue a facer polo deporte, “máxime con probas como este encontro de atletismo, unha das competicións con maior nivel deportivo que durante a tempada se celebran en Galicia e que en 2020, maila a pandemia, situouse no posto número tres do ránking nacional de competicións en pista ao aire libre”.
No Ourense Termal Athletics Meeting, que dá inicio ao circuíto nacional xunto cos encontros de Ibiza e Zaragoza, participarán deportistas de gran proxección, mesmo algúns deles de nivel internacional, que acoden a esta proba para mellorar as súas marcas. Este é un dos obxectivos que se marca a organización, integrada por un equipo de trinta persoas e que fixo un importante esforzo para que a proba, que comezará ás 18.00 horas, se desenvolva baixo as medidas establecidas nos protocolos de prevención fronte á COVID-19.
SOURCE: Ourense Termal Athletics Meeting