Poderíanse escribir mil historias. 50 anos dan para moito. Hoxe quédome co meu latexo, o palpito do corazón que me quedou para sempre. Aquel día acudín ao estadio. O “Arjiz” lucía espléndido. Non lembro o rival daquela tarde gris. No palco de autoridades unha placa impoluta. “En memoria de Meno y Gerar”. O meu carón “Palmero”, xogador e socio histórico. O partido era o de menos, as lembranzas fixeron que centos de imaxines pasaran polo meu maxín. Lembranzas de cando era un ilusionado xuvenil do Verín CF, o equipo da miña vida.
Daquela, queriamos ser coma eles. Os nosos ídolos, que non eran outros máis que os que estaban pretiño de nós: Baladrón, Sobrino, Moncho Boo, Patolas, Xe, Raúl, Gallego, Rexac, entre moitos outros que cada domingo deixaban a alma no terreo de xogo, por defender a casaca vermella, e satisfacer a uns afeccionados entregados.
Lémbrome de todos os xogadores que por este club pasaron. Máis para min, “Meno” foi o meu latexo. Aquel pequeno, pero gran porteiro do Verín CF en épocas douradas. Chamábanlle “Gato” cariñosamente. Foi o noso adestrador nos oitenta. Eu tiña dúbidas si xogar de porteiro ou dianteiro. O míster foi contundente. Ti serás o porteiro, e chegarás a Primeira. Ángel Cabido, un dos fillos do mítico “Callao”, que era o noso preparador físico, o escoitar aquelo, encolleuse de ombreiros, e chiscoume un ollo con complicidade. Entendín ben a mensaxe, e aceptei o reto. Dende aquela, andiven sempre polo chan, enzoufado ata os ollos co barro do Arjiz. Eran outros tempos.
O mestre tiña moita fe en min. Sempre me dicía que poduía todas as cualidades para chegar á cima. Comezamos a adestrar a diario. Era coma unha obsesión, incluso algún sábado viña a sacarme da cama para ir o Arjiz. Era un pai para min. El estaba a piques de rematar e a súa carreira no fútbol, e pola contra, eu empezaba dende cero. Consellos e máis consellos, adestramentos específicos e moita charla. Sesións humildes pero sabias expresións que lle saían da alma, e que xamais esquecín.
No derradeiro partido, quixo o destino que estivera ao seu carón. Era un partido vital para as nosas aspiracións. Aquel día crucial en Gondomar, o mestre quixo agasallarme. E sen contemplacións, espetoume. Vas a xogar de titular. A responsabilidade era máis grande que a miña experiencia. E recoñezo, que con algo de covardía pola miña parte, respondinlle ao mestre que este partido era o seu, e que tiña que estar no campo para poder gañalo. Colleume polo brazo e marchamos cara o vestiario. Non falou máis. Vestímonos xuntos en silencio. Non sei si eran os nervios ou a concentración.
Aquela tarde “O Gato” foi o mellor. Fixo paradas imposibles.
Con agallas, dirixiu aos compañeiros, dando a lección de humildade máis grande que vin nun campo de xogo. Ao rematar o partido, acercouse a min e cando nos abrazamos deixoume caer en baixiño…. gustouche? Non puiden dicir nada, coa manga da camiseta limpei as bágoas, e lisquei feliz por aquel campo sen herba. A viaxe de volta foi unha festa, risas, cantigas e xolda a fartar. Ao día seguinte a primeira hora, chégannos a mala nova do fatídico accidente. Aquel castelo de ledicia esmoreceu de súpeto. Todo aquelo non foi doado de asimilar. A vila quedou paralizada igual que os nosos corazóns. Meno e Gerar deixáronnos prematuramente con moitas cousa por facer.
No verán do 85, xurdiu a miña fichaxe polo Cádiz CF, e cargado de esperanza, collín a maleta e seguín o camiño onde o mestre me deixou. Dende aquela, sempre estivo ao meu carón. Seis tempadas nun club de Primeira división esperando a oportunidade. Moitos sufrimentos, adestramentos e sacrificios. Moitas veces lembreime dos seus consellos e das súas verbas. Ao final, pagou a pena. Chegou a chamada do primeiro equipo para viaxar a Barcelona. Alí esperaba “O Dream Team” de Johan Cruyff.
Apenas puiden durmir naquel hotel de luxo. Os recordos pasaron todos xuntos, coma se fora unha película en cámara rápida. Movemento de periodistas e xente por todos lados. Ao chegar o estadio todo foi coma un flash. Cando saimos polo túnel cara o campo, e vin a inmensidade do Camp Nou, mirei cara o ceo, e alí estaba el, en primeira fila, coa faciana doce e o sorriso infinito. Berrei entón con todas as forzas, conseguímolo! porque nos tamén estabamos alí, coas estrelas, cumprindo o seu desexo. Quixera lembrarme de Gerar amigo inseparable de Meno, e como non de todos os xogadores, adestradores, directivos e afeccionados do Verín CF que xa non están con nós, porque sen dúbida, eles foron e serán sempre, un anaco da historia deste club tan querido.
Unha aperta!
Miguel A. Prieto “Chitin”
SOURCE: “Verín CF, 50 anos. “Meno”, o meu latexo”