A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) da comezo a campaña “Súmate ao noso equipo” que abrangue os meses de xuño a setembro e que ten como principal obxectivo obter entre 400 e 500 doazóns de sangue diarias. Esta cifra é constante todos os días do ano e coas doazóns obtidas garántese o axeitado desenvolvemento do intenso labor dos hospitais galegos grazas á solidariedade e xenerosidade de toda a cidadanía.
Con esta campaña de verán, a máis longa de todas cantas realiza ao cabo do ano ADOS, tentase chegar a meirande parte dos concellos de Galicia e aproximar o solidario xesto da doazón a todos os galegos e galegas. Ademais, ADOS mantén operativos os seus sete locais de atención permanente nas sete grandes cidades galegas para, deste xeito, ofrecer as máximas facilidades e o mellor servizo a todos os doantes de sangue.
Por toda Galicia
Ademais esta campaña especial de doazón achegará as dez unidades móbiles de ADOS ata a meirande parte dos concellos de Galicia, aos que agradece o seu compromiso e colaboración desde hai case tres décadas pero, moi especialmente no pasado ano e primeiro semestre do 2021, polas particulares circunstancias que marcaron a actividade da Axencia e que supuxeron cambios substanciais no sistema de traballo para ofrecer ás máximas garantías de seguridade e hixiene, tanto para o profesionais como para todos os doadores e doadoras de sangue.
Neste sentido salientar que, no pasado exercicio, habilitouse un sistema de cita previa para posibilitar o acceso á doazón mediante o teléfono gratuíto 900 100 828. Este número de atención telefónica continúa aínda vixente tanto para solicitar cita previa como para solventar calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue. Non obstante, ADOS quere salientar que tamén se pode acudir de xeito espontáneo.
Excelente participación
Desde ADOS salientan que, a pesar das dificultades existentes o pasado ano marcado pola pandemia sanitaria da COVID 19, Galicia situouse como a terceira Comunidade Autónoma en índice de doazón, con 39 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, superando amplamente a media de doazón estatal e confirmando, unha vez máis, o carácter xeneroso e solidario dos galegos e galegas.
Así mesmo, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue destaca a importancia de doar durante o período estival, xa que os meses de verán, debido principalmente á deslocalización dos doantes habituais, ofrece dificultades engadidas para o axeitado desenvolvemento das campañas de doazón de sangue e non diminúe a necesidade de compoñentes sanguíneos por parte dos centros hospitalarios galegos.
Requisitos para doar
Os requisitos mínimos para doar sangue son tremendadente sinxelos, simplemente é necesario ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue (VIH, Sífilis, hepatite B ou C….) e un bo estado xeral de saúde.
Así mesmo, a ADOS pon a disposición de toda a cidadanía a súa web http://ados.sergas.gal; o enderezo de correo electrónico, doadoressangue.ados@sergas.gal; o teléfono de información indicado anteriormente; e as súas páxinas en redes sociais para comunicarse e resolver calquera dúbida relacionada coa doazón.
SOURCE: Campaña doazón de sangue