O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén visitou acompañado do alcalde de Sarreaus, Gumersindo Lamas, o inicio das obras de reforzo da seguridade viaria e da accesibilidade na OU-113 no treito paralelo coa Vía da Plata, nas que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inviste preto de 34.000 euros.
As actuacións consisten na creación dunha cuneta transitable de 1, 5 metros de ancho, no tramo da OU-113 entre os puntos quilométricos PK 34+760 a 35+200, executando previamente a retirada de capa de terra vexetal, posterior escavación, recheo e apisoando a gabia ata alcanzar a cota necesaria para executar o firme de formigón da cuneta transitable como senda do camiño. Nun tramo de 180 metros é necesario a execución de unha drenaxe con tubo de 160 mm de diámetro, debido a mananciais que existen na cuneta existente.
Gabriel Alén subliñou que esta é unha das actuacións que a Xunta vai desenvolver nos treitos das vías autonómicas coincidentes coa traza da Vía da Prata para reforzar a seguridade viaria e favorecer o tránsito dos peregrinos, que suporán un investimento autonómico conxunto próximo aos 225.000 euros.
Tamén informou o delegado que a Xunta ten previstas un total de 13 actuacións na provincia de Ourense e unha na de Pontevedra na contorna deste Camiño de Santiago, coa fin de mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade nos cruzamentos ou treitos da Vía da Prata coas estradas autonómicas.
En Ourense, os traballos desenvolveranse na estrada OU-112, no concello de Laza, coa execución dunha senda nun tramo duns 650 metros; na OU-113, onde se realizarán 9 actuacións no termo municipal de Laza e cunha intervención no concello da Mezquita; e na OU-154, ao seu paso por Piñor.
As intervencións consistirán, fundamentalmente, na construción de sendas para favorecer un tránsito máis cómodo e seguro dos peregrinos; na execución de muros, gabias transitables e pasarelas; na instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos; na instalación e reforzo da sinalización; ou en calquera outra actuación que sexa precisa para incrementar a seguridade nos treitos da rede autonómica de estradas coincidentes na traza coa ruta xacobea
Estas melloras encamiñadas a favorecer a seguridade, a comodidade e a experiencia do peregrinos estarán listas para atender a maior afluencia de peregrinos que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.
SOURCE: Seguridade Vía da Prata