O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou a Asociación Redmadre Ourense. Acompañado do xefe territorial, Yago Borrajo, foi recibido pola presidenta da Asociación, Coloma Viudez, nas súas instalacións, quen lle agradeceu a achega da Consellería de Emprego e Igualdade dunha axuda de 22.454 euros.
Tras un breve percorrido polas instalacións, a presidenta informoulle ao delegado territorial das actividades máis sobresaíntes desta asociación que ten como obxectivo principal atender ás mulleres embarazadas e nais de fillas e fillos até 3 anos, en situación de vulnerabilidade, para que accedan en igualdade de oportunidades aos recursos que lle permitan levar adiante o seu embarazo e finalmente acaden a autonomía.
Alén explicou que a Xunta colaborará con 13 entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro da provincia de Ourense para a posta en marcha de programas específicos de recursos integrais de atención especializada destinados en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade cunha achega de preto de 220.000 euros.
Con estas axudas, o Goberno galego pretende fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, e para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación laboral, social e persoal.
Teñen a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade as vítimas de violencia de xénero; de explotación sexual-laboral; inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría étnica ou reclusas e ex-reclusas, entre outros supostos.
Os programas que se financian poden ser de dous tipos: de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de 3 anos e en situación de especial vulnerabilidade; e de atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos.
Ao abeiro desta convocatoria financiaranse así programas con recursos integrais específicos para mulleres en situación de especial vulnerabilidade xestantes ou lactantes con fillos ou fillas menores de tres anos dirixidos a promover o seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral e a súa autonomía económica e afectiva. Un dos obxectivos principais da medida é a mellora da súa empregabilidade.
Así mesmo, a Consellería de Emprego e Igualdade tamén apoiará iniciativas de atención personalizada e especializada para aquelas mulleres pertencentes aos colectivos expostos. Neste caso, o programa inclúe actuacións personalizadas como atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación, adquisición de habilidades persoais e sociais ou apoio e orientación laboral.
As entidades beneficiarias deben comunicar que aceptan as axudas concedidas nun prazo de 10 días e terán que ter executado o programa subvencionado antes do 30 de setembro de 2021.
Redmadre Ourense
Entre os fins, a Asociación Redmadre Ourense contempla promovela concesión de axudas e sistemas de asistencia gratuítos á muller embarazada, tanto no sector público como no privado; asesorar ás mulleres sobre como superar calquera conflito que o seu embarazo supoña, e informala sobre os apoios e axudas, tanto de orixe pública como privada, que poida recibir para levar a bo termo o seu embarazo.
Tamén ten como finalidade o desenvolvemento de programas de educación afectivo-sexual, coa finalidade de reducilo número de embarazos imprevistos, e proporcionar asistencia psicolóxica a toda muller que a precise trala experiencia dun aborto. O coidado e acollida da infancia máis desfavorecida; a asistencia ás persoas máis desfavorecidas, con especial atención á poboación inmigrante; e promovela conciliación do ámbito familiar coa vida profesional e a participación social e política, de xeito que se alcance unha verdadeira igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres.
SOURCE: programas mulleres especial vulnerabilidade