O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou acompañado do alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, o campamento ‘Ven explorar con nós’ no complexo O Corgo; unhas instalacións equipadas con comedor central, infraestruturas deportivas e zonas cubertas con pérgolas para choiva e sol.
O delegado territorial destacou a importante oferta de ocio e tempo libre, sempre vinculada á educación non formal, que oferta a comunidade durante a tempada estival, entre campamentos, campos de voluntariado e outras actividades, e subliñou a importancia de desenvolver este tipo de estadías nas que os participantes gozan dunha programación de lecer educativo e tempo libre de primeiro nivel e nas que ao mesmo tempo, crecen persoalmente e coñecen a mozas e mozos que residan na comunidade autónoma.
Gabriel insistiu na importancia da práctica deportiva, destes rapaces e rapazas, para a súa formación tanto física como intelectual, e facelo nun espazo natural como é Muíños e a súa contorna.
Neste campamento participan un total de 50 mozas e mozos de idades comprendidas entre os 9 e 12 anos. Durante unha semana desenvolverán actividades de auga, kaiak, vela, supervivencia, educación ambiental, dinámicas de expresión teatral e xogo.
Baixo o lema “O verán que mereces”, a programación estival deseñada pola Xunta de Galicia ofrecerá desde xullo e ata setembro unha oferta de ocio seguro, na que se manterán as medidas de protección aplicadas durante a pasada edición, como a redución do aforo, o incremento do número de monitores, o reforzo das medidas de desinfección e limpeza ou a adaptación das actividades ás normas hixiénico-sanitarias. Ademais, este ano inclúense probas de antíxenos completamente gratuítas para todos os participantes e monitores antes do inicio de cada campamento.
Gabriel Alén subliñou que durante o ano pasado Galicia foi das poucas Comunidades que mantivo a campaña de verán e logrou que se desenvolvera sen incidentes xa que non se rexistrou ningún caso positivo. “Isto levounos a incrementar a oferta de prazas durante este ano en máis de 1000, ata chegar a un total de 7.800 prazas” entre os campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado, resaltou.
O complexo O Corgo ten praias fluviais con zonas verdes, campo de deportes con herba artificial, polideportivo cuberto, zonas de camiños e sendeiros e aparatos biosaúdables. Para a práctica deportiva conta con barcos e piraguas, e vixiantes nas zonas de baño.
SOURCE: Vén explorar con nós