A Xunta de Galicia renovará a escola infantil da Farixa cun investimento de 34.000 euros. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, anunciouno na visita a este centro xunto co delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.
Jacobo Rey explicou que as reformas se levarán a cabo neste mes de agosto aproveitando que o centro permanecerá pechado por vacacións. As obras consistirán na renovación do patio exterior, no que se substituirá o chan actual por placas de caucho de máis calidade.
Durante a visita o director xeral destacou o compromiso que ten o Goberno galego con este tipo de iniciativas para mellorar a estadía das pequenas e pequenos de cara o vindeiro curso 2021-2022. Neste sentido, aproveitou para recoñecer o labor dos profesionais das escolas infantís durante este ano por conseguir que o 99% dos centros permaneceran abertos e lograr garantir un servizo indispensable para a conciliación familiar.
SOURCE: Renovación do patio escola infantil da Farixa