Decrecendo

Viva o coche eléctrico, “manque” perda

Comparto aquí dúas novas sobre as que reflexionar:
1) A partir deste mes, os mozos residentes en Galicia poderán solicitar axudas para pagar o custo do permiso de conducir tipo B ou C. O Goberno galego, co obxectivo de “mellorar a autonomía, a mobilidade e a inserción laboral dos mozos”, destina a esta medida un orzamento total de máis de 761.000 euros. Na última convocatoria beneficiáronse máis de 1.700 mozos.
2) O programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica, “Moves III”, destina 22,7 millóns de euros a Galicia para que os interesados en adquirir un vehículo eléctrico ou implantar unha infraestrutura de recarga eléctrica reciban axudas variables.

Os poderes públicos levan tempo afrontando o proceso de “transición” ao coche eléctrico desde diferentes frontes. Así, a primeira nova reflicte o desesperado impulso de crear novos condutores, debemos loitar contra as cifras da falta de desexo por conducir que cada vez está máis presente na xuventude. Como é posible que non queiran ter o seu propio coche! Que pasará coas pobres empresas do automóbil e co seu flamante negocio ecolóxico e súper sostible?

E unha vez que creou formalmente o condutor, que xa lle creou a necesidade, aquel ten que mercar o seu propio coche e, por suposto, debe ser eléctrico. Non importa que non poida recargalo onde nin como queira, non importa que os seus compoñentes sexan tremendamente contaminantes, non importa que as baterías se degraden en condicións de temperaturas extremas, non importa que non haxa capacidade eléctrica ou distribución para substituír o 100% dos coches de combustión por coches eléctricos. Que merquen o coche agora, punto!

Como dixo Antonio Turiel, investigador físico do CSIC: “Os defensores desta transición ao coche eléctrico terían que considerar se, de feito, non se está promovendo subvencionar, desde a bolsa pública, un medio de transporte reservado ás clases máis avanzadas. 

Óscar Blanco

SOURCE: Viva o coche, manque perda