Celébraranse o de Vehículo Novo e o de Ocasión.

Expourense acolle en dúas fins de semana o Salón do Automóbil

Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (ACAUTO) organizan o 12º Salón do Automóbil que se dividirá en dúas citas en sendos fins de semana: a do 1 ao 3 de outubro celebrarase o Salón do Vehículo Novo e do 8 ao 10 de outubro o de Ocasión.
Un total de 15 concesionarios -representando a 21 marcas- da provincia de Ourense pertencentes a ACAUTO presentarán 30 novidades en 21 marcas; algunha destas novidades poderán verse en exclusiva por primeira vez en España e entre os que se poderán atopar tamén numerosos modelos eléctricos e híbridos. As marcas presentes nesta edición son: Abarth, Audi, BMW, Citroen, Cupra, Dacia, Fiat, Ford, Hyundai, Kia, Mazda, Nissan, Opel, Peugeot, Porsche, Renault, Seat, Skoda, Suzuki, Toyota, Volkswagen e Volvo.
Para o vogal de ACAUTO, Jaime Cougil, está “é unha cita a que acudimos con moitas gañas e ilusión porque supón a volta á normalidade e permitiranos retomar o tan necesario contacto directo cos clientes aos que lles poderemos resolver todas as súas dúbidas para que atope o coche que precisa”.
Pola súa banda, o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, agradeceulle a ACAUTO “a súa aposta por Expourense como o mellor escenario para presentar, ante milleiros de visitas, as últimas novidades das marcas presentes e as mellores oportunidades no mercado de ocasión».
O obxectivo destas citas é presentar no recinto feiral unha oferta completa e atractiva, que cubra todas as gamas e modelos de vehículos para adaptarse ás necesidades e preferencias dos visitantes. Así, un público obxectivo e amplo poderá consultar nun mesmo espazo e de forma axeitada toda a oferta existente no mercado ourensán, e comparar opcións antes de decidir a compra do seu vehículo.

Sorteo
Tanto dende ACAUTO como dende Expourense indícase que estas dúas citas son unha magnífica oportunidade (por calidade, cantidade, variedade e prezos especiais en feira) para aqueles que buscan un coche novo. Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.
O horario do salón será os venres 1 e 8 de outubro de 11.00 a 20.30 h.; os sábados 2 e 9 de outubro de 10.00 a 20.30 h., e os domingos 3 e 10 de outubro de 11.00 a 20.00 h. O prezo da entrada son 3 euros por cada salón (menores de ata 12 anos teñen entrada gratuíta).

Cáritas
Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá ao rematar estas citas unha cantidade de euros fixa por cada vehículo vendido que será achegada entre Expourense e ACAUTO.

SOURCE: 12º Salón do Automóbil