Adentrámonos no único instituto da comarca de Verín de FP da man da súa nova directora. María Soledad Gómez Cerradelo (Marisol) leva desde o 2015 no IES García Barbón de Verín e afronta agora o seu primeiro ano coma directora deste centro.
Como foi a adaptación do instituto ao protocolo COVID?
Marisol Gómez (M.G.): «O inicio do curso pasado foi un pouco duro. Tíñamos que organizar todo, medir as aulas e a distancia entre alumnos, marcar pasillos, xel en todas as aulas, papeleiras… Houbo aulas que se quedaron pequenas e tivemos que desmontar a aula de tecnoloxía para dar cabida a todos os alumnos de 1º de Bacherelato, por exemplo. Despois, durante o ano transcurriu todo ben, non tivemos moitos casos. A verdade é que mellor do esperado».
E como será o arranque deste curso?
M.G.: «Será máis doado porque xa temos case todo feito. Baixaron a distancia entre alumnos e movemos un pouco as mesas. Agardamos que sexa mellor porque os alumnos son todos maiores de 12 anos e están vacinados».
Cal é a especialidade do IES García Barbón de Verín?
M.G.: «Somos o único centro da comarca que ten FP, senón terían que ir a Xinzo, Viana ou Ourense. De feito temos alumnos desas zonas, de Xinzo e Viana».
Que lle diría a un alumno para que viñera a estudar ao IES García Barbón?
M.G.: «Somos un centro pequeno que garantiza un trato moi familiar. Hai alumnos que botan acá 3 ou 4 anos e créase unha relación cos profesores que os axudan en todo o necesario, no día a día da aula e tamén en temas persoais».
Qué saída laboral lle espera a un alumno deste centro?
M.G.: «As espectativas son moi boas. Eu son profesora de sanitaria e unha porcentaxe moi alta dos meus alumnos está traballando. A maioría dos alumnos de fai dous anos de sanitaria está traballando no hospital, todo os anos nos chaman pedindo xente do ciclo de electromecánica para traballar e non chegan… As espectativas de traballo dos nosos alumnos son moi altas».
Como valora a ensinanza on line nesta etapa COVID?.
M.G.: «Prefiro a presencial. Durante os meses de marzo a xuño do ano pasado fíxose on line. Xa levavamos tempo coa aula virtual montada e supúxonos menos esforzo. E para o alumnado tes que estar un pouco enriba del senon non arranca. Na ensinanza a distancia hai que ter moita forza de vontade e iniciativa para seguila día a día. En FP é esencial a ensinanza presencial porque moitos módulos son só prácticos e a distancia é inviable. En Bacherelato si que pode ser a distancia».
Cal é o obxectivo deste ano coma directora?
M.G.: «Solicitamos varios programas á Consellería e estamos pendentes da súa resolución. Tanto o equipo directivo como o claustro estamos moi motivados por facer novas cousas que poidan atraer ao alumnado. Temos o clube de ciencias e o de lectura que se fan fóra do horario escolar. O Plan Proxecta, que levamos diferentes anos traballando con el en enfermaría; o programa Salvavidas de doazón de órganos… temos varios así solicitados e a ver o que sae. En canto a titulacións novas, o ano pasado fixemos unha petición de ciclos novos para implantar e non se nos deu ningún pero seguiremos insistindo e traballando. Tamén queriamos involucrar ao entorno. Que as empresas e institucións nos digan o que demandan para nós solicitalo».
O IES García Barbón conta con 255 alumnos e 40 profesores que dan as seguintes materias: ciclo de auxiliares de enfermaría; ciclo medio de electromecánica de vehículos; ciclo medio de mantemento de electromecánica; ciclo medio de xestión administrativa; ciclo superior de administración e finanzas; FP básica de mantemento de vehículos; FP básica de servizos administrativos; educación secundaria para adultos; aula mentor; e primeiro e segundo de Bacharelato.
O centro é moi activo en redes sociais e últimas tecnoloxías.
SOURCE: IES García Barbón de Verín