Dentro da nova extratexia de internacionalización.

Galicia quere contar con 8.000 empresas exportadoras en 2025

Unha nova Estratexia de Internacionalización é coa que conta Galicia para o período 2021-2025. A aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores serán as principais claves da folla de ruta coa que o Goberno galego busca facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial da Comunidade.
Sobre estes eixes, a Administración autonómica aspira a que se acaden as 8.000 empresas exportadoras en 2025 e os 25.000 millóns anuais en exportacións, incrementando especialmente a presenza galega en países de fóra da Unión Europea.
Neste sentido, a estratexia busca que as compañías galegas multipliquen por tres as exportacións a América do Norte, e dupliquen as súas vendas a América do Sur e Asia, ademais de incrementar en máis dun 25% as exportacións ao Reino Unido.
Para acadar ditas metas, a estratexia contempla, como primeiro paso, un plan de acción inicial para o período 2021-2023 que suma máis de 70 millóns euros para impulsar a recuperación económica do tecido empresarial galego tras a pandemia da covid-19. Un programa que se sustenta sobre catro piares: o fomento da innovación, a atracción de talento galego internacional, o acompañamento ao tecido empresarial e a difusión de casos de éxito.

Innovación
O primeiro deles, o relativo á innovación, complementará e potenciará o traballo feito ata o de agora a través das Antenas do Igape. Estas oficinas, que acompañan ás pemes galegas nos seus procesos de internacionalización, están abertas hoxe en día en Shanghái, Miami, Casablanca, Cidade de México, Lima e Londres -esta última denominada Oficina Brexit-. Sobre esta base, o obxectivo é ter abertas en 2022 novas Antenas en Dubái e Tokio, explorando as posibilidades de Brasil e Corea do Sur a partir de 2023. A través da rede de Antenas, a previsión da Xunta é dar servizo a máis de 200 empresas en 2021 e chegar ás 1.000 no período 2021-2023.
Un crecemento que se pretende que se produza, tamén, da man da internacionalización dixital, fomentando que as compañías incorporen as canles dixitais para chegar a novos mercados. A meta é acadar as 1.000 empresas internacionalizadas dixitalmente no 2025, que se sumarían a outras 700 ás que se aspira a dar cobertura nas próximas edicións do Galicia Exporta Dixital, contando para todo cun orzamento de 24 millóns de euros ata o 2023.
Así mesmo, activarase o programa Emprende Global, que pretende facilitar a participación en feiras e encontros internacionais en materia de innovación e emprendemento. Neste sentido, prevense visitas a ecosistemas tecnolóxicos punteiros a nivel mundial, como o de Miami-Florida, Zhongguancun (Pekín), Silicon Wadi (Tel Aviv), Silicon Valley (California) ou o East London City (Londres). Ademais, fomentarase o acceso ás licitacións internacionais cun servizo que permitirá ás empresas contar cunha plataforma que achegue información de contratación pública internacional e unha análise sobre a potencialidade do mercado da contratación pública en diferentes países.

Talento
O segundo eixe do plan de acción para o período 2021-2023 susténtase na captación de talento internacional, achegando ao tecido empresarial galego profesionais expertos na materia. Neste marco, destinaranse 9 millóns de euros para continuar coas liñas destinadas aos bolseiros e aos xestores de internacionalización, na procura de conseguir 100 novos bolseiros e chegar a 140 empresas.
A Xunta de Galicia tamén activará o programa Fórmate Internacional, nova iniciativa de cualificación práctica e continua orientada á internacionalización. Neste marco, cómpre destacar tamén o programa ReAcciona covid-19, que incluirá dúas novas liñas de análise de mercados internacionais e elaboración de plans estratéxicos adaptados ao novo escenario.

Acompañamento
O acompañamento nos mercados de destino é o terceiro piar do plan de internacionalización para este período inicial. Un campo no que a previsión de investimentos supera os 10 millóns de euros ata o 2023, e que permitirá continuar o traballo iniciado coas liñas Galicia Exporta ou cos programas desenvolvidos en colaboración coas Cámaras de Comercio, ao tempo que se impulsan plans sectoriais nas industrias vitivinícola e contract que facilitarán tanto a internacionalización das súas empresas como a cooperación entre os diferentes axentes. No caso do viño, o plan intégrase na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que acaba de ser presentado e que persegue consolidar os viños galegos nos diferentes mercados e potenciar tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios onde se producen.

Casos de éxito
Un labor que se complementa co do cuarto eixe, centrado na difusión de casos de éxito, para o que se porá en marcha o programa Igape Contigo, que informará sobre a propia Estratexia de Internacionalización, dando a coñecer ditos casos de éxito e escoitando ás empresas para afondar en novas necesidades.

SOURCE: empresas exportadoras