Coa finalidade de mellorar a xestión e a conservación destes recursos patrimoniais de gran valor a Xunta de Galicia leva unha década a edición e difusión dunha serie de guías monográficas que axudan na necesidade de avanzar na protección de todas as formas de paisaxe existentes en Galicia -naturais, rurais, urbanas e periurbanas-.
Desde o ano 2012 e atendendo ás diferentes demandas sociais e ás necesidades que van xurdindo, o Goberno galego leva traballando de forma continuada na elaboración deste tipo de guías. Ata o momento xa se publicaron un total de 11e ten varias en proceso de elaboración e outras propostas que se están a valorar.
As guías de boas prácticas e recomendacións divulgan os valores paisaxísticos da Comunidade, e que certo tipo de actuacións —edificacións de calquera natureza, peches, equipamentos de uso público, etc.— poidan lograr unha boa integración coa contorna onde se sitúan. Na práctica, estas guías teñen demostrado xa ser unha ferramenta efectiva para contribuír á conservación e ao mantemento das paisaxes onde se aplican, e ademais invitan a seguir con esta iniciativa nos vindeiros anos para homoxeneizar criterios e boas prácticas na planificación e deseño de futuras intervencións sobre o territorio.
Guías publicadas
Na web do IET están publicadas para a súa descarga 11 guías da colección Paisaxe Galega.
A primeira guía da colección (2012) foi a de Estudos de Impacto e Integración Paisaxística e elaborouse seguindo as previsións do Plan de ordenación do litoral de Galicia (POL); ofrece axuda técnica e xurídica para a elaboración dos estudos de impacto e integración paisaxística de proxectos.
En 2013 saíron tres: a de criterios de sustentabilidade e integración paisaxística dos establecementos de acuicultura litoral que está asociada á estratexia para o desenvolvemento da acuicultura litoral elaborada pola Consellería do Mar, que permite definir os mellores emprazamentos para as instalacións de acuicultura, ademais establece pautas no deseño das plantas de acuicultura para a súa integración e respecto dos valores paisaxísticos litoral.
A de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais consegue mellorar o tratamento urbanístico dos núcleos rurais de Galicia. O seu emprego é habitual tanto na elaboración de plans xerais de ordenación municipal (PXOM) como en modificacións puntuais ou expedientes de delimitación de núcleos rurais.
A de boas prácticas de intervención en sistemas praia-duna permite conseguir unha mellor protección e xestión destes espazos con métodos e técnicas de conservación ou restauración moi eficaces.
En 2017 chegaron dúas guías máis. A de caracterización e integración paisaxística de valados que identifica os máis representativos de cada comarca paisaxística e inclúe conceptos e criterios para a integración paisaxística mantendo a súa filosofía e riqueza cultural do agro, ademais de ser unha referencia moi útil para os plans urbanísticos e daqueles proxectos nos que se prevea a construción de novos valados. E a outra guía do ano foi a de cor e materiais de Galicia cuxa finalidade é proporcionar uns criterios e directrices técnicas e obxectivas para a regulación do emprego da cor e os materiais de revestimentos arquitectónicos nas paisaxes urbanas e rurais das doce grandes áreas paisaxísticas de Galicia; por iso é de utilidade para a xestión cotiá das oficinas técnicas dos concellos, na definición de normativas dos instrumentos urbanísticos, ou o establecemento de criterios nas convocatorias de axudas relacionadas con obras en edificacións (como as que xestiona o IGVS, ou a convocatoria por parte do IET por primeira vez este ano de dúas ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxístico, una dirixida a particulares e outra a concellos).
Saíu no 2019 a de estudos da paisaxe urbana, que esixe aos plans urbanísticos analizar as paisaxes urbanas sobre as que operan; a de boas prácticas en intervencións en espazos públicos para dar visibilidade á calidade dos mesmos.
No ano 2020, publicáronse tres novas guías: de boas prácticas en intervencións en espazos públicos e que da visibilidade á calidade dos mesmos, proporcionando criterios para que todas as intervencións resulten como espazos integrados, eficientes, inclusivos e responsables, tendo en conta as contornas urbanas, rurais e naturais, e respectando a diversidade paisaxística de Galicia. A de boas prácticas para a integración paisaxística das actividades extractivas ofrece criterios e recomendacións para a súa aplicación nos sucesivos procesos que implican as actividades extractivas de recursos minerais, desde a fase de exploración ou investigación, o proxecto e a explotación, ata a restauración final. E a da paisaxe no tempo ocúpase de analizar unha serie de problemas comúns aos cascos históricos menores, e ofrece criterios e exemplos de intervencións orientadas a resolver ou minimizar eses problemas; entre os núcleos analizados están os de Allariz, Celanova, Monterrei, Vilanova dos Infantes, Betanzos, Corcubión, Baiona, Cambados, Sarria e Viveiro, entre outros.
E este ano chega a guía de boas prácticas para a identificación e acondicionamento de miradoiros que ten por obxecto establecer uns criterios comúns e unhas propostas de boas prácticas para a selección de miradoiros e para as actuacións de acceso e acondicionamento para o seu desfrute por parte das persoas.
As seguintes
No Plan Estratéxico da Paisaxe Galega 2021-2024 inclúese tamén a elaboración de novas guías que virán completar a colección Paisaxe Galega e fomentarán a recuperación de espazos degradados. Nesta fase compre destacar catro delas que tratan sobre deseño e instalación de cartelaría comercial (na que se establecen criterios e directrices a aplicar na introdución de letreiros e rótulos anunciadores sobre os edificios e no territorio); a integración na paisaxe das instalacións de abastecemento (para os acabados das obras de fábrica, estacións de bombeos, cadros eléctricos, edificacións, depósitos e todos aqueles elementos que configuran os sistemas de abastecemento); recomendacións básicas para evitar o impacto na paisaxe das instalacións portuarias da Xunta (122 portos de titularidade autonómica); e a integración paisaxística de parques empresariais.
SOURCE: Guía de paisaxes de Galicia