A medida pioneira, que entrará en vigor o curso que vén, beneficiará a máis de 20.000 familias.

Galicia terá gratuidade, de 0 a 3 anos, en todas as escolas infantis

Un dos eixos prioritarios de actuación da Xunta de Galicia é a antención á infancia e a conciliación. Por iso, a nosa comunidade leva anos sendo pioneira nesta materia poñendo en marcha medidas que están a ser moi ben recibidas. En abril de 2020 púxose en marcha unha iniciativas que beneficia en cada curso a unhas 10.000 familias; isto é a gratuidade para segundos fillos e seguintes.
O Goberno galego, en reiteradas ocasións propuxo ao Executivo central que se implicase no cofinanciamento da gratuidade das escolas infantís tamén para os primeiros fillos, e non só para os segundos e sucesivos. Porén, non obtivo resposta.
Desde a Xunta e sendo conscientes das dificultades que están a atravesar moitas familias por mor da crise económica derivada da sanitaria, e o reto demográfico ao que se enfronta todo o país, decidiron dar un novo paso adiante e asumir en solitario a gratuidade de todas as escolas infantís de Galicia a partir do curso 2022/2023.

Medida
A medida, pioneira, permite a todas as familias galegas, teñan o número de fillos e a renda que teñan, aforrar a matrícula e os gastos de atención educativa en as escolas infantís de Galicia, sexan da titularidade que sexan: públicas autonómicas, municipais, de iniciativa social ou privadas, entre outras.
Esta decisión, anunciada polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, suporá un investimento de 30 millóns de euros anuais e beneficiará a máis de 20.000 familias galegas.
Deste xeito, unha vez máis, Galicia sitúase á vangarda de España tomando unha decisión que non existe en ningún outro sitio do territorio nacional.

Sen solicitalo
Ademais, trátase dunha medida da que se poden beneficiar todas as familias galegas sen tan sequera ser preciso solicitala. Deste xeito, toda escola infantil na que se inscriba o neno de 0 a 3 anos aplicará directamente o desconto do 100% no custo da matrícula a todos os beneficiarios. A Xunta de Galicia será quen aboe o custo do servizo educativo ao centro beneficiario, en caso de non ser de titularidade pública autonómica.

Gratuidade
A gratuidade aplícase aos custos do servizo de educación infantil, pero non aos servizos complementarios, como os de comedor ou transporte, ou calquera outros que ofreza o centro. Para os efectos desta orde entenderase por atención educativa a actividade realizada dentro da aula en horario ordinario.
Poderán adherirse á gratuidade todas as escolas de Galicia, independentemente da súa titularidade, co único requisito de que o Concello debe estar ao día nos pagos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Crecemento
A Xunta destaca que a matriculación nas escolas infantís públicas autonómicas medra un 9% este curso.
A rede de centros, públicos e privados, que ten Galicia permite que sexa a cuarta comunidade de España con máis matriculacións nas escolas infantís. O 42,9% dos nenos de 0 a 3 anos —sete puntos por riba da media nacional e dez puntos máis da ratio mínima que aconsella a Unión Europea— están inscritos nalgunha escola.
Galicia dispón de máis de 500 centros públicos e privados repartidos polas catro provincias, que superan no seu conxunto as 25.000 prazas. Ademais, en 40 escolas infantís públicas realizáronse este verán obras de mellora, cun investimento total de 2,6 millóns de euros, para acondicionar e renovar as instalacións.

SOURCE: Natalidade