Alida Iglesias Gil é a xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense. A dedicación de persoas como ela é imprescindible para, pouco a pouco, paliar esta lacra tan incrustada na nosa sociedade como é a violencia de xénero.
Cales son as funcións da unidade que dirixe?
Alida Iglesias: «Son moitas, pero entre as máis destacadas están o seguimento e coordinación dos recursos e sevizos para a atención das situacións de violencia de xénero; a colaboración coas administracións autonómicas e locais; e seguimento personalizado de cada situación de violencia sobre a muller e os seus fillos, así como dos agresores. Ademais, participamos en campañas de prevención, sensibilización e información».
Cal é a forma máis eficaz para a loita contra a violencia de xénero?
A.I.: «Primeiro e fundamental, a educación. As condutas, a cultura, con leis non as podes cambiar. As leis son necesarias, pero nunca son suficientes. Tamén hai que facer campañas de educación, porque hai veces que algunha muller está sendo vítima de violencia de xénero e elas mesmas non son conscientes, normalizan a situación. Cando a violencia é física é fácil de detectar, pero cando é doutro tipo -psicolóxica, emocional, económica- é máis complicado. Da depencia emocional é máis difícil de saír».
Qué é Viogen?
A.I.: “É unha aplicación para prevención. Danos datos realizados polas forzas e corpos de seguridade do Estado. Cando unha vítima denuncia, ofréceselle avogado de oficio, psicóloga, traballadora social. O sistema realiza unha valoración de risco na que a aplicación pode dar cinco niveis: extremo, alto, medio, baixo ou non apreciado. Vaise realizando un seguimento individualizado e cando baixa a un risco non apreciado, ao cabo dun tempo desactívanse. Pero non hai un tempo determinado, cada vítima é un mundo”.
Cantas vítimas ten actualmente a provincia de Ourense?
A.I.: «Actualmente hai 379, somos a provincia galega que menos casos ten. Porén sabemos que son moitas máis as que están acreditadas como vítimas, pero que non fixeron denuncia. As que denunciaron teñen a protección das forzas e corpos de seguridade; de aí a importancia de denunciar, xa que, incluso, pode servir como efecto disuasorio contra os agresores.
>> As denuncias pódense facer na Policía Nacional, na Garda Civil ou no xulgado; as denuncias nas Policías Locais derívanse á Nacional -no caso da cidade de Ourense- ou á Garda Civil -no de concellos rurais-«.
Que din os datos?
A.I.: «Os datos na provincia con respecto a outros anos estanse mantendo. Durante o confinamento apenas houbo casos, pero pasado este volvemos a ter un número parecido á época prepandémica.
>>Este sistema está activo desde 2007, desde entón temos contabilizados 4.162 casos».
A pesar de ser un tema delicado, supoño que hai moita satisfacción no que se fai.
A.I.: «A satisfacción está en axudar ás persoas -tanto mulleres como os seus fillos- que o están a pasar francamente mal. Ademais, os Centros de Información á Muller (CIM) son esenciais, temos xornadas de formación con profesionais, cos servizos sociais, coas forzas e corpos de seguridade. Este ano tivemos nove xornadas de formación que abarcaron os 91 concello do rural máis a xornada que tivemos na Subdelegación. Vese a implicación, cada vez maior dos responsables deste tema nos concellos; a xente cada vez infórmase e fórmase máis».
SOURCE: Coñecemos máis de preto as funcións que ten esta unidade da Subdelegación do Goberno.