O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, copresidiron a reunión da Comisión de Seguimento do Barbaña, que se celebrou na Subdelegación do Goberno.
Ao encontro tamén asistiron os alcaldes de San Cibrao das Viñas e Pereiro de Aguiar; representantes do Concello de Ourense, da Deputación Provincial e da Xunta en Ourense; os presidentes dos polígonos industriais de San Cibrao, Pereiro e Barreiros; así como representantes do colectivo ecoloxista Ríos Limpos e da A.VV. Barbaña.
Emilio González sinalou que as actuacións previstas no proxecto de saneamento suporán a mellora da calidade das augas do Barbaña. Así mesmo, sinalou que a implicación de todas as Administracións e a concienciación social e do tecido empresarial “son clave para evitar episodios recorrentes de contaminación ao río”.
José A. Quiroga, pola súa banda, sinalou que este proxecto, que supón un investimento de máis de 30 millóns de euros, atópase na recta final de tramitación, estando prevista a súa licitación para finais deste mesmo ano. “É importante destacar que a execución do proxecto non preserva por si soa das verteduras ao leito, senón que é necesaria a xestión adecuada do sistema de saneamento, de competencia municipal”, matizou Quiroga.
A Comisión Permanente foi creada no ano 2019 a instancias da Subdelegación do Goberno para establecer unha canle común e coordinar ás diferentes Administracións, co interese de avaliar e levar a cabo solucións concretas que poñan fin ao problema recorrente de contaminación ao río Barbaña.
Situación actual do proxecto
O proxecto atópase na recta final de tramitación previa á licitación. Neste sentido, o pasado 20 de outubro a Dirección Xeral da auga autorizou á CHMS á incoación do expediente de información pública do proxecto, o seu estudo de impacto ambiental e a relación de bens e dereitos afectados, así como o trámite de consultas ambientais ás Administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas.
Unha vez rematada a exposición pública do proxecto e o prazo de alegacións, agora trabállase na elaboración dun informe para a Avogacía do Estado, que se estima estea resolto en dúas semanas, preceptivo e vinculante, para remitir, cara a finais de febreiro, xunto co proxecto ao MITERD para a Avaliación de Impacto Ambiental. Despois haberá un procedemento de Avaliación Ambiental que se resolverá en aproximadamente 8 meses. Cumpridos estes trámites, cara a finais de ano, procederase á licitación do proxecto.
SOURCE: Comisión Barbaña