Celébrase do 1 ao 16 de maio.

Maio, época de Miteu

Ourense volve ser a sede da 27ª edición da Miteu, a Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense.

A presente edición contará coa presenza de Pepe Viyuela e Leo Bassi. Haberá compañías de México, Italia, Portugal e diversas comunidades como Cataluña, Navarra, Madrid, Castela-León, Murcia e unha ampla representación de Galicia ata completar 17 espectáculos, desde o día 1 ata o 16 de maio.

A Miteu desenvolverase no Teatro Principal, no Liceo, no café Auriense, no Campus e en diversas rúas da cidade.

Teatro de rúa, teatro de interior, circo contemporáneo, música ou danza teñen cabida na Miteu que contará cun curso de commedia dell’arte, encontros, animacións promocionais e dous nomes propios: o de Xaime Mateo, a quen homenaxea a Mostra tralo seu pasamento, e o do premiado deste ano da Miteu, premio Esmorga (cervexa que colabora este ano coa Miteu): Mohamed Azibou «Moha», quen colaborou coa Miteu e a Aula de Teatro Universitaria de Ourense como intérprete, actor e potenciador dos lazos entre Ourense e Marrocos que levaron á Aula de Teatro da cidade a acudir a mostras en Casablanca ou Tánxer ata en cinco ocasións.

Actuacións
A mostra comezará o 1 de maio co espectáculo «A contrapé» a cargo da Aula Universitaria de Ourense «Rosaura», que actuarán polas rúas desde a praza Maior ata o Xardín Padre Feijóo a partir das 19 horas. E clausurará a Miteu a Aula Universitaria de Ourense «Maricastaña» coa obra «O parke do crepúsculo» o luns, 16 de maio, a partir das 20 horas no Teatro Principal de Ourense. Entre elas, 19 actuacións ao longo de 16 días que porán o foco do teatro en Ourense.

SOURCE: 27ª Miteu