O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou acompañado do alcalde de Toén, Ricardo González, as obras na igrexa de San Pedro de Moreiras nas que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vai investir 119.645,57 euros, e que terá un prazo máximo de execución de 4 meses.
O delegado territorial puxo en valor a aposta decida pola conservación do noso patrimonio histórico-cultural, por iso, “dende a Xunta queremos manter vivo o legado dos nosos antepasados”. “Froito da nosa historia -continuou Gabriel Alén, as nosas crenzas, as nosas vivencias e ensínanos o que fomos, outórganos identidade. Ensínanos de onde vimos e permite coñecernos mellor como sociedade e individuos e, xa que logo, axúdanos a entender os problemas do presente e prever os do futuro”.
Gabriel Alén tamén lembrou que a finais de 2020 a Xunta fixo unha intervención na igrexa por importe de preto de 96.000 euros para solucionar as patoloxías estruturais na cuberta da nave principal e eliminar as filtracións de choiva.
As actuacións previstas que se desenvolverán nestas igrexa, ben pertencente ao Catálogo do Patrimonio Cultual de Galicia consistirán na limpeza e consolidación da coroación dos muros e realización de traballos de cantaría necesarios para o asento e fixación da nova estrutura; a montaxe do entramado estrutural( pares, limas, correas…) en madeira laminada de abeto de clase resistente GL24h; a colocación de panel illante de cuberta tipo sandwich ( dobre taboleiro aglomerado hidrófugo e illamento) con lámina impermeable ao auga e permeable ao vapor (Lámina impermeable transpirable tipo Tyvek); tella cerámica curva tomadas con espuma sobre plancha de fibrocemento granonda, colocada con ganchos de aceiro inoxidable e sistema de ventilación en cumio e aleiro; a execución de canlóns de zinc, limas e baixantes.
Tamén se levará a cabo a realización dunha gabia perimetral con tubería drenante de diámetro 160mm recheo de grava en cota inferior á cimentación do muro; construíranse arquetas a pé de baixantes para recollida das augas pluviais, e farase unha conexión da rede drenante e recollida de pluviais á rede de saneamento existente augas abaixo.
En canto á impermeabilización do muro de fachada o proxecto contempla a realización da limpeza e retirada do revestimento de morteiro existente, así como reparación e consolidación do soporte se fose necesario; a execución de recrecido de morteiro de cal para colocación de impermeabilizante monocapa no adherido de lámina de caucho sintético EPDM, recrecido de morteiro de protección de lámina impermeabilizante e babeiro de chumbo para protección de testeiro; e o revestimento con pavimento de granito de 6cms abuxardado colocado a tope.
SOURCE: igrexa San Pedro de Moreiras