A Xunta de Galicia ten como obxectivo a transformación dixital e a modernización do sector comercial de proximidade e artesán galego. Por iso, vén de incrementar nun 20%, ata alcanzar os seis millóns de euros, as axudas para tal fin. Este incremento do 20% -con respecto ao ano pasado- beneficiará a pequenas e medianas empresas comerciais, de menos de 20 traballadores, e obradoiros artesáns.
Así, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación prevé con este programa mobilizar un investimento público-privado por valor de nove millóns de euros.
Conexión co cliente
A través desta iniciativa, búscase apoiar ao sector comercial e artesán para que aproveite todas as oportunidades tecnolóxicas e do contexto actual para conectar co cliente, ofrecendo unha experiencia de compra única e personalizada, adaptada ao novo consumidor. Apóianse, deste xeito, actuacións como a implantación e o mantemento de páxinas web, márketing dixital, loxística ou xestión de redes sociais, ademais da adquisición de equipamentos.
Liñas de actuación
O programa, que conta cunha intensidade de axuda do 80% do investimento subvencionable, inclúe dúas liñas de actuación. A primeira delas céntrase na dixitalización, e inclúe diferentes tipos de apoio en función do posicionamento previo dos beneficiarios neste eido, do número de empregados e se teñen ou non tenda física. Entre as actuacións subvencionables inclúense a implantación de páxinas web e a adquisición de equipamentos informáticos; ferramentas de márketing dixital; loxística para o comercio electrónico; sistemas dixitais de stock integrado no punto de venda e de control de acceso; así como xestores de redes sociais e o mantemento da páxina web, entre outros aspectos. O importe máximo das axudas que se poden obter neste apartado é de 17.600 euros.
Por outra banda, a través da liña de modernización, pódense obter apoios de ata 5.600 euros para a adquisición de equipamentos propios da actividade comercial e artesanal.
Presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes, para pemes comerciais de menos de 20 traballadores e a obradoiros artesáns está aberto, trala publicación da orde no Diario Oficial de Galicia (DOG) o 23 de maio, ata o 23 de xuño.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Organización de feiras
Ao mesmo tempo tamén poderán solicitarse outras axudas para un segundo programa, centrado no fomento da comercialización da Artesanía de Galicia.
Dotado con 265.000 euros, esta convocatoria inclúe apoios de ata 8.000 euros para os obradoiros artesanais que participen en feiras nacionais ou internacionais. Pola súa banda, os concellos e as asociacións profesionais e empresariais artesanais que organicen feiras no ámbito de Galicia poderán obter axudas de ata 15.000 e 18.000 euros, respectivamente.
SOURCE: Transformación dixital