Cunha completa programación de actividades durante todo o mes de xuño.

Ourense celebra o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+

O Concello de Ourense, a través da Concellería de Igualdade, conmemora o Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ cunha completa programación de actividades durante todo o mes de xuño.
A concelleira de Igualdade, Eugenia Díaz Abella, presentou Centro de Información Municipal ás Mulleres (CIMM) as actividades “coas que queremos implicar a toda a sociedade ourensá na importancia da igualdade e o respecto cara a diversidade”. Cinema, teatro, obradoiros e unha novidosa e innovadora actividade formativa para persoal municipal que traballa cara ao público, coa fin de reforzar a atención á diversidade, centran o programa de actividades que culminarán o 28 de xuño coa iluminación da ponte Romana e lectura de manifesto.

Programa
O día 13, luns, o cinema comezará ás 20:30 coa proxección de “Supernova”, de Harry Macqueen (Reino Unido, 2020), no Cineclube Padre Feijóo (rúa Concello, 11).
Os días 16 e 17 de xuño (xoves e venres), en horario de 10 a 14 horas, o CIMM acollerá a formación para persoal do Concello de Ourense, que impartirá a sexóloga Almudena Herranz Roldán, coa fin de reforzar a atención cidadá á diversidade.

O cinema voltará o 20 de xuño, luns, da man de “Welcome to Chechnya”, (Francia, 2020), que gañou varios premios en festivais como Sundance, Hot Docs e a Berlinale. Será ás 20:30 horas no Cineclube Padre Feijóo.
O día 22 de xuño, mércores, o CIMM de Ourense acolle, de 16:30 a 19:30 horas, un obradoiro aberto á cidadanía titulado “Pensar a diversidade”, baseado en explicacións da diversidade e as actitudes cara ela, co fin de fortalecer a convivencia. Os interesados en participar poden inscribirse no CIMM (rúa do Ensino, 24), no teléfono 988393191 ou no correo electrónico concelleriamuller@ourense.es.

O teatro chegará o 28 de xuño, martes, a partires das 21 horas, no Teatro Principal, coa posta en escea de “Microspectivas dun Marica Millennial”, unha reivindicación do respecto polo amor e pola vida, un cuestionamento das certezas impostas que predestinan a construción da identidade. Trátase dunha coprodución do Centro Dramático Galego que conta con dous Premios María Casares (Mellor Actor Protagonista e Mellor Texto Orixinal).
A programación prevista pola Concellería de Igualdade culmina este mesmo 28 de xuño, coa iluminación da ponte Romana coas cores da bandeira do colectivo LGTBIQ+.

SOURCE: Día Internacional LGTBI+