A segunda edición da “Xurés Bike Tour” que organiza o Inorde co apoio de Turismo de Galicia, mesturará deporte con gastronomía ao coincidir esta proba coa celebración da 51ª edición da “Festa do Peixe” de Bande, declarada de Interese Turístico de Galicia. “Este evento permitirá aos participantes descubrir os catro recursos cabeceira da nosa marca turística: patrimonio, natureza, enogastronomía e termalismo”, dixo o presidente do Inorde, Rosendo Fernández, na presentación da proba que tivo lugar no Aquis Querquennis en Bande.
Á presentación tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; a xerente do Inorde, Emma González; a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas; o alcalde de Muíños; Plácido Álvarez; a alcaldesa de Lobios, Maria del Carmen Yáñez; o alcalde de Lobeira, Antonio Iglesias; o director técnico da proba, Serafín Martínez; e o director xerente de Caldaria, Javier Soto.
Esta proba, como todas as que se organizan desde o Inorde co apoio de Turismo de Galicia, teñen como obxectivo “dinamizar turísticamente a nosa provincia, a través dunha das palabras fetiche que é o buque insignia da Deputación de Ourense: a cooperación entre institucións, pero tamén con entidades privadas, para poder facer realidade proxectos desta envergadura que contribúen ao desenvolvemento social e económico dos nosos territorios”, explicou Rosendo Fernández.
Pola súa parte, o director técnico da proba explicou que “a proba comeza a facerse oco no calendario deportivo da provincia e estamos a ver como medra o número de participantes con respecto á primeira edición, tendo neste momento un total de 150 inscritos que disputarán a “Xurés Bike Tour” os tres días; e a máis de 50 persoas que o farán soamente en xornadas individuais. A maioría deles proceden, ademais das diferentes provincias galegas, fundamentalmente de Asturias, León e Portugal”, dixo Serafín Martínez.
Percorrido da proba
A Xurés Bike Tour, que permite a participación de xeito individual ou por parellas, desenvolverase en 3 etapas, do 10 ao 12 de xuño, perseguindo non só fins deportivos, senón tamén “que os deportistas alonguen a súa estadía e poidan gozar desta contorna ourensá e portuguesa que ofrece a zona do Xurés en grupo ou en familia”, sinalou Rosendo Fernández. Os participantes percorrerán diferentes lugares dos municipios de Muíños, Lobios, Montalegre, Entrimo, Lobeira e Bande.
O pistoletazo de saída será o venres, 10 de xuño, co prólogo que irá entre o “Alto do Viso” (Lobeira) e Bande, un percorrido de 17 km cronometrados con saídas cada minuto. Ao día seguinte, celebrarase a primeira etapa que terá a súa saída e chegada no complexo deportivo do Corgo en Muíños, e constará dun percorrido de 68 km. Nesta ocasión, os participantes terán a oportunidade de descubrir lugares espectaculares como Maus de Salas, Pitoes das Junias ou Tourem, do país veciño. A segunda etapa, que terá a súa saída e chegada no Balneario de Lobios, contará cunha distancia de 52 km e será a que decida o podio final desta segunda edición da “Xurés Bike Tour”.
Iván Raña, padriño da “Xurés Bike Tour” 2022
Ademais, nesta segunda edición contarase cun padriño de excepción: o primeiro campión do mundo da historia do triatlón español, Iván Raña, que atesouro no seu palmarés numerosos galardóns que o converten nun referente a nivel mundial no ámbito deportivo.
SOURCE: Xurés Bike Tour