As Festas de Ourense que este ano están comprimidas en cinco días, do 22 ao 26 de xuño, contan con máis de 200 actividades. Ademais do concerto de Morad, e os de Taburete e Rulo y la contrabanda, tamén actuarán algunhas das orquestras principais do panorama actual.
Na presentación, o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, avisou que regresan unhan festas «por todo o alto» e, aínda que “as festas maiores da cidade son o Entroido, e xuño é un mes con moitas actividades”, este ano o Concello apostou por “concentrar unha oferta potente en cinco días”.
Durante cinco días, a cidade acolle “máis de 200 eventos distintos o que representan un dos festexos con maior número de actividades da historia”. Como citas destacadas, xunto ao concerto de Morad (mércores 22 ás 21 h), teñen lugar os concertos de Taburete – o 24 de xuño ás 23 horas -, e o concerto de Rulo y la contrabanda – ás 23 horas, o 25 de xuño -. Estas actuacións serán na avenida de Pardo de Cela, que é a zona urbana con maior superficie da cidade, para así acoller a máis xente.
Ademais, a rúa do Progreso, á altura de Bispo Cesáreo acollerá as actuacións das orquestras. Agrupacións destacadas coma o Combo Dominicano (xoves 23 ás 23 horas), Capitol (xoves 24 ás 20 horas), Olympus sábado 25 con dous pases ás 21 e ás 00.30 horas) ou Fórmula (domingo 25 ás 20 horas) pasarán eses días pola cidade.
Todas as actividades serán de balde agás o concerto do grupo Taburete que terá unha zona de pago “zona fan” de 3.000 entradas, que serán a 5 euros a través de ataquilla.com, e o resto serán gratuítas (con espazo para uns 6.000 asistentes).
Máis actividades
Outra das actividades importantes destas festas, é a Feira Medieval, que se recupera (do 22 ao 26 de xuño) nas prazas da zona histórica da cidade, e que inclúe moitas actividades paralelas, ademais dunha sardiñada o día de San Xoán; abrirá as súas portas ás 11 e ás 17 horas. Entre as actividades que se desenvolverán están obradoiros de oficio, teatro de rúa, música en vivo, espectáculos e un recuncho infantil.
Outro dos eventos tradicionais das últimas festas do Corpus é a Feira da Cervexa artesá, que este ano chega á súa décima edición. Do 23 o 26 nas prazas Padre Feijoo e Fonte do Rei, así como na rúa Cruz Vermella a instalaranse un total de 16 stands de cervexa artesá e sete foodtruks de comida, con horario de apertura de 12 a 01 hora. Completan a programación xogos populares e obradoiros infantís. A zona infantil estará ubicada no Parque Barbaña.
Como broche á estas festas, regresa este ano a tirada de fogos artificiais. Será o domingo, ás 23.55 horas, desde as beiras do río Miño a cargo da pirotécnica ourensá Josman.
Novidades
Entre as novidades haberá actividades de maxia coa celebración da 1ª Feira da Maxia de Ourense (23 e 24 de xuño no parque das Mercedes e día 24 no parque Barbaña).
O Auditorio Municipal acollerá unha actividade gaming o sábado 25 e domingo 26. As competicións que se celebrarán son as de FIFA 22, Brawl Stars, Pokémon, Clash Royale, Super Smash Bros. Tamén haberá realidade virtual, Scape Room, Influencers, Ponencias Esports e Gaming, Zona de xogos libre, Batalla de Galos e xogos arcade.
Deportes
No tocante ao deportes, o Consello Municipal de Deportes (CMD) trae unha extensa programación para as Festas do Corpus de Ourense.
As actividades darán comezo o mércores 22 co Torneo Festas de Ourense Natación Artística (na piscina Rosario Dueñas de 18 a 21 horas). Co mesmo horario haberá unha exhibición de Ximnasia Rítmica nos exteriores dos Remedios.
O xoves 23, o polideportivo da Carballeira acolle -de 9 a 21 h- o Torneo Secundino Basalo de fútbol sala alevín.
O pista de volei praia de Oira celebra, o venres 24, a xornada “Descubre o Volei Praia” enfocada a nenos de entre 8 e 12 anos de 10 a 13 horas.
O sábado 25, na Batundeira-Velle (16:30 a 18:30h) primeira xornada de portas abertas de piagüismo para nenos de 7 a 14 anos; e a segunda xornada terá lugar de 18:30 a 20:30 horas.
No polideportivo da Carballeira celébranse as finais autonómicas de hoquei en liña. (de 9 a 21 horas) o sábado 25 e domingo 26. E nas pistas exteriores do pavillón dos Remedios, o domingo 26, estará instalado de 19 a 21 horas, un circuíto de educación viaria que contará con obradoiros de bicis e xincana.
SOURCE: Festas de Ourense