Ao longo deste ano, a Xunta de Galicia convoca unha trintena de programas de axudas cos que pon á disposición de particulares, comunidades de veciños, concellos e promotores máis de 150 millóns de euros para levar a cabo diferentes actuacións no eido residencial.
Liñas dirixidas ao alugueiro, á adquisición de vivenda e a rehabilitar o patrimonio residencial xa construído son algúns dos incentivos que xestiona o Goberno autonómico a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Algúns destes programas están consolidados na Comunidade e seguirase apostando por eles, mentres que outros estan financiados con fondos europeos, polo que son completamente novos.
Das axudas previstas este ano, hai que facer especial fincapé nas axudas dirixidas á rehabilitación de edificios e vivendas unifamiliares, dos que xa se levan convocados desde que arrincou o ano media ducia de programas, todos eles co prazo de solicitude aberto, e entre os que cómpre destacar aqueles dirixidos especificamente a actuacións de mellora da eficiencia enerxética.
Axudas a nivel de edificio
O novo programa a nivel de edificio, que se pode solicitar desde o pasado 17 de maio e ata o 30 de novembro, está aberto a subvencionar cun máximo de 38.750 euros —en caso de que as obras impliquen a retirada de elementos de amianto— actuacións de mellora da eficiencia enerxética en edificios e vivendas unifamiliares.
O orzamento de 22,9 millóns de euros é o maior da historia e busca axudar a propietarios individuais e comunidades de veciños nas reformas que logren a eficiencia dos seus inmobles, como poden ser o cambio de fachadas e de cubertas ou a substitución de equipos de calefacción e de auga quente sempre que se logre un aforro enerxético mínimo do 30%. A axuda pode chegar a cubrir nalgúns supostos ata o 100% do custo da intervención.
Outras axudas
Outra das liñas novidosas é o programa para elaboración do libro do edificio existente e para redacción de proxectos, documentación que xa é obrigatoria no caso de inmobles de nova construción e que se quere fomentar deste xeito para o resto.
A convocatoria de 2022, estenderase ata o 30 de novembro, conta cun orzamento de 1,25 millóns de euros e vai dirixida a edificios ou vivendas rematadas antes do ano 2000 que se vaian rehabilitar.
A contía máxima desta axuda será de 3.500 euros cando se destine a elaborar o libro do edificio e poderá chegar ata os 30.000 euros se o que se quere financiar é o proxecto técnico correspondente e necesario para executar as obras de mellora.
As axudas de rehabilitación enerxética de edificios en municipios do reto demográfico (PREE5000), cun orzamento de 3,8 millóns de euros, pódense solicitar ata o 30 de setembro. Teñen como fin acometer obras de rehabilitación enerxética en Inmobles unifamiliares ou de tipo colectivo construídos antes de 2007 nun municipio de menos de 5.000 habitantes ou nun concello non urbano de menos de 20.000, sempre que ningún dos seus núcleos de poboación teña máis de 5.000 veciños.
Cun orzamento de 13,5 millóns de euros, este programa convocouse o 3 de marzo e poderase solicitar ata o 14 de outubro. Cun orzamento de 13,5 millóns de euros, está aberto o programa a nivel de vivenda (cambio de ventás) para poder optar a axudas de ata 3.000 euros destinadas a financiar pequenas actuacións de rehabilitación enerxética en vivendas, principalmente o cambio de ventás. O investimento debe de ser de polo menos 1.000 euros e o aforro de enerxía de, como mínimo, un 7%. Ademais, neste caso os incentivos están abertos non só aos propietarios do inmoble senón tamén a inquilinos e usufructuarios sempre que sexa o seu domicilio habitual.
Por un importe global de 1,32 millóns de euros están abertas as axudas (ata o 30 de setembro) para intervir nas tres áreas de rehabilitación integral supramunicipal que xestiona directamente a Xunta: a ARI dos Camiños de Santiago, a ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas e a ARI da Ribeira Sacra. Os propietarios poden acceder a subvencións de ata 25.000 euros por vivenda para rehabilitar ou optimizar a súa eficiencia enerxética, uns incentivos cos que se contribúe tamén á vez a mellorar a imaxe que reciben os peregrinos ao seu paso por estas zonas.
Por terceiro ano consecutivo, o IGVS convocou -ata o vindeiro 30 de setembro- este programa, dotado cun orzamento inicial de 500.000 euros e dirixido a cidadáns particulares que adquiran unha vivenda xa construída —que pode ser nova, usada ou que necesite reformas— nalgún dos case medio cento de centros históricos que hai declarados en Galicia. Os beneficiarios optan a unha axuda de ata 15.000 euros.
SOURCE: programas de axudas no eido residencial