Afundación e ABANCA presentan a exposición «Os nosos océanos», aberta ata o vindeiro 15 de agosto na praza de Emilia Pardo Bazán do Carballiño, desenvolvida en colaboración co Concello do Carballiño e a Editorial Planeta e baixo o comisariado de Joaquín Araújo, experto en medio ambiente e reputado ecoloxista.
Con esta exposición, Afundación Obra Social ABANCA sae á rúa cunha achega cultural de primeira orde que xunta mensaxe, beleza, transcendencia e emoción. Esta proposta é parte do proxecto de capilaridade cultural de Afundación que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Así, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística máis aló das súas sedes e trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade. «Os nosos océanos» é así mesmo unha invitación para reflexionar sobre o impacto da nosa actividade, así como sobre a necesidade perentoria de incorporar a sostibilidade á nosa forma de vida.
A exposición «Os nosos océanos» enche a praza Emilia Pardo Bazán coas imaxes máis espectaculares da biodiversidade mariña: baleas iubartas, osos polares, peces bolboreta, a quenlla peregrina ou unha colectividade de golfiños, poboan, entre outras moitas especies, as imaxes cheas de cor e vida da mostra. Porque todo o que coñecemos como vida non só procede dos océanos, senón que segue dependendo deles. Nos mares escóndense inxentes sorpresas que alimentarán durante séculos a curiosidade dos científicos e a admiración de todos os demais. O que con esta exposición preténdese é espertar o recoñecemento de que os océanos son berce de vida, manancial de todos os mananciais, reguladores de todos os elementos básicos do clima, depuradora natural das contaminacións e fornecedores de alimento e incontables materias primas.
En palabras de Joaquín Araújo, comisario da exposición e prestixioso divulgador ambiental, dobre Premio Nacional de Medio Ambiente, «A máis elemental prudencia, o máis sensato sentido da anticipación poden e deben levarnos á coherencia de mellorar todas as nosas formas de utilización e aproveitamento dos océanos. De alí seguirán manando infinitas posibilidades se non continúan a sobreexplotación, os transportes perigosos e as contaminacións básicas. Todo o xa longo empeño do pensamento ecolóxico, dos oceanógrafos e das organizacións que traballan no campo da defensa da natureza pode ser resumido con estas dúas frases: «queremos conservar o futuro», «queremos salvar ao que nos salva». Algo só posible con novas xeracións de seres vivos que renuncien á explotación desmedida, que aprendan a convivir».
SOURCE: Os nosos océanos