A Xunta destina máis de 50 millóns de euros este curso para lograr que, arredor de 31.000 nenos (e as súas familias) de 0 a 3 anos, véxanxe beneficiados pola gratuidade de todas as escolas infantís da comunidade. Este curso é o primeiro no que a atención educativa de 0 a 3 anos en Galicia é totalmente gratuíta no 100% dos centros, con independencia de que sexan públicos, de iniciativa social ou privados. Isto supón, un avance na conciliación, ademais dun respiro para as economías dos fogares nun momento no que o custe da vida está polas nubes cunha elevada inflación.
A gratuidade das escolas infantís, ademais de ser un feito que converte á Comunidade galega nunha referencia nacional neste ámbito, é un paso adiante decisivo para que as nais e pais compaxinen mellor as súas vidas laboral e familiar.
Neste sentido, a iniciativa garante que todas as familias que o desexen, sexa cal sexa a súa situación económica, podan levar aos seus fillos a unha escola infantil, xa que non lles supón un euro dos seus petos. Estas aforrarán entre 1.500 e 2.000 euros por curso e neno, sen dúbida todo un alivio nun momento como o que estamos a vivir.
Xestión e permanencia
Cabe recordar que existen aproximadamente 600 escolas infantís en funcionamento en Galicia, sumadas as que dependen da Xunta, dos Concellos, as que son de iniciativa social e as de titularidade privada. Na totalidade destes centros, en todos os cursos e para todo o alumnado de 0 a 3 anos, ofrécese ás familias atención educativa gratis ata un máximo de oito horas, que é a xornada completa, e durante todo o ano, agás no mes de agosto, cando moitas escolas pechan. Unha vantaxe á que as familias se poden acoller sen que teñan que presentar ningún papelame, xa que a Administración autonómica é a que xestiona directamente a gratuidade coas escolas infantís.
Para o Executivo galego esta medida ten vocación de permanencia e non ten volta atrás, polo que defende que este avance no apoio ás familias e no coidado á infancia é estrutural.
O inicio
A implantación da gratuidade comezou en abril de 2020 aplicándose aos segundos fillos e sucesivos, e tras a boa acollida que tivo esta decisión entre o sector e, obviamente, entre as familias, decidiuse ampliala aos primoxénitos.
Deste xeito, ao ter Galicia a atención educativa de 0 a 3 anos totalmente de balde, supón unha realidade sen precedentes no conxunto de España. Fomenta a conciliación e a igualdade de oportunidades, grazas a unha medida que apoia a todas as familias sexan cales sexan as súas características.
Máis medidas
Ademais, a gratuidade non soamente dá cobertura ás familias que residen ou traballan en concellos que teñen escolas infantís. Tamén chega a aquelas que viven en municipios máis pequenos que carecen deste tipo de centros a través das Casas niño, pequenas escolas gratuítas nas que se atende a un máximo de cinco nenos. A Xunta comezou a crear no ano 2016 unha ampla rede destes equipamentos por toda a comunidade e seis anos despois xa hai preto dun centenar.
Estas medidas poñen o acento no que é un dos eixos de actuación prioritarios da Xunta de Galicia: arroupar ás familias que deciden ter un fillo. A elas diríxense programas como o Bono Coidado ou a Tarxeta Benvida. Co primeiro axúdaselles a contratar un servizo extraordinario de conciliación ante calquera enfermidade ou eventualidade laboral, e que tamén pode ser empregado para sufragar campamentos, ludotecas ou servizos semellantes. Coa Tarxeta Benvida, ofréceselles unha importante achega económica para colaborar nos custes que supón o nacemento dun fillo.
SOURCE: Gratuidade escolar de 0 a 3 anos