No estudo de Paco Ascón aparcamos o axetreo diario e por unhas horas falamos co artista.
Xares é o penúltimo pobo que atopamos cando nos propoñemos chegar ao cumio máis alto de Galicia, pola parte ourensá, despois de atravesar varias das 29 parroquias do concello da Veiga.
Neste pequeno pobo, é onde fai máis de 30 anos, Paco Ascón, decidiu abandonar a vida certamente nómade, que por diferentes circunstancias foi a tónica habitual durante a súa vida especialmente na súa infancia, adolescencia e mocidade.
Nunha casa de máis de 500 anos, Paco instalou o estudo onde traballa, así como o seu niño de amor coa que foi, é e será durante máis de 53 anos, a súa compañeira, nai dos seus fillos e, en definitiva, a súa auténtica musa, aínda que el mesmo afirma non crer demasiado en musas e si no traballo.
Aquí atópase rodeado dalgunhas das súas obras pictóricas e literarias, así como as de moitos dos seus colegas, en ambas as ramas da arte. Por que precisamente aquí, Paco?
Paco Ascón: «Como moitas veces ocorre na vida, o feito de asentarnos en Xares é froito dunha casualidade, fai máis de 30 anos, un cliente que había cursado estudos relixiosos no Santuario das Hermidas, realizoume un encargo daquel impresionante conxunto relixioso, hospedándonos nun hotel de tres estrelas que se acababa de inaugurar en Xares. Como non podería ser doutro xeito namorámonos do Macizo de Trevinca e deste pobo”.
Cales foron os seus inicios artísticos?
P.A.: «Desde a miña infancia e durante todas as fases da miña educación nunca fun un alumno que destacase especialmente nas materias que basicamente pais e educadores tratan de inculcar nos seus fillos e alumnos, co fin de que teñan un futuro. Esas materias realmente non resultaban do meu interese, pero si o era todo o que fose representar o que vía de forma absolutamente autodidacta sobre papel ou calquera outro soporte, sendo a miña primeira exposición máis ou menos formal cando apenas contaba 18 anos».
Ao parecer, son moitas as exposicións, certames, e outras manifestacións artisticas súas por España e por fóra.
P.A.: «Si, realmente son moitas e tamén en moitos lugares, pero iso débese só a que tamén son moitos os anos dedicados a esta actividade, e a que realmente o meu carácter é inquieto e teño a imposibilidade física e mental de estar sen facer nada. Téntoo, pero nunca o consigo».
Como ve o asociacionismo no colectivo artístico?
P.A.: «A miña vida artística, desenvolveuse case na súa totalidade desde a miña chegada a Galicia en 1969, sempre estiven interesado en que o noso colectivo permanecese unido e así compartir as nosas experiencias e reclamar os nosos dereitos. Pero isto é francamente difícil de conseguir,pois os egos dentro dos noso gremio ás veces son moi evidentes. Xeralmente cada vez que se emprende algún intento de asociarse, non tarda en estrelarse cos nosos egoísmos, o cal non significa que sexamos insolidarios, realmente non o somos, pero esa solidariedade, está enfocada a accións humanitarias de todo tipo. Eu actuei como comisario en varias ocasións, en eventos artísticos para recadar fondos con diferentes fins deste tipo, para o que realmente resultou doado unir a artistas de todos os niveis.
>> Na actualidade, formo parte de tres das asociacións de máis prestixio, que afortunadamente están consolidadas, dúas en Galicia, ARGA e a Asociación de Artistas da Coruña, así como a nivel nacional a Asociación Española de Pintores e escultores AEPE, que afortunadamente subsistiron con éxito, a pesares de todo os atrancos».
Cal é a súa previsión como artista para un futuro próximo?
P.A.: «Hai xa uns anos, que por distintas razóns que a miña actividade pictórica, diminuíu considerablemente no que a exposicións refírese, aínda que quedan pendentes, algún proxectos que foron freados pola pandemia e que polo momento non teñen data. Por outra banda, espero poder presentar a finais deste ano ou principios do que vén, o meu segundo libro que nesta ocasión trátase dunha recompilación de relatos de temas variados».
Podemos entender que isto significa unha xubilación artística?
P.A.: «Por suposto que non. Desde a miña máis tenra infancia, fun e continuo sendo moi inquedo, incapaz de estar sen facer nada, por iso mentres a saúde non mo impida, o final da miña permanencia como ser humano pensante, neste universo, atoparame traballando en calquera actividade artística, pois non sei facer outra cousa. Aparte disto, desde hai uns anos, teño a honra de permanecer a un extraordinario grupo de intelectuais en todos os campos das artes, empeñados en recuperar o prestixio da nosa cultura na capital e da nosa provincia, que co suxestivo nome de “Nós, a Xente do Redor”, reúne a grandes literatos, poetas, pensadores, artistas plásticos e fotógrafos, neste empeño cultural, que queremos que represente un novo Rexurdimento da lingua, tradición e cultura galega».
SOURCE: entrevista paco ascón