O Auditorio Municipal Ilduara Celanova (AMIC) vai recibir ese domingo, 6 de novembro, ás 18.30 h, a función de Papagena que tivo que ser cancelada o pasado outubro por motivos de saúde. Esta creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, é unha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica.
O espectáculo, con entrada libre ata completar aforo, conta coa presenza da soprano Esperanza Mara e do barítono Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.
Papagena é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.
Papagena chega a Celanova logo do seu paso por Rianxo, Pontevedra, Fisterra, O Grove, Caldas de Reis, Narón, Tui e Oleiros e ten programada unha intensa xira por outras nove localidades galegas nos vindeiros meses, cunha función cada fin de semana. Así, as seguintes citas van ser en Gondomar (5 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro). Na meirande parte das vilas o público poderá gozar desta experiencia única e inmersiva de xeito totalmente gratuíto. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena está dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.
SOURCE: Papagena no Ilduara de Celanova