A quinta edición das xornadas de novela negra celebraranse no auditorio de Verín os días 27 e 28 de xaneiro. Organizadas pola Biblioteca de Verín, en colaboración co Concello, estarán coordinadas e dirixidas polo xuíz Vázquez Taín e polo escritor Pedro Feijoó. Ademais, estarán adicadas á Lolita Castro, voluntaria da Biblioteca falecida recentemente.
Na presentación do programa o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, fixo un chamamento aos amantes deste xénero negro e policiaco a achegarse a vila do Támega e gozar desta programación de “primeiro nivel”.
Esta quinta Edición leva por título “Back in Black”, que vén indicar que, un ano máis, Verín volta ao negro e nesta ocasión cunha vinculación especial ao mundo da música. “Varios dos autores que participan nas xornadas ao mesmo tempo teñen ou tiveron unha grande relación coa música de xeito profesional ou nas súas obras literarias», explicou o alcalde.
Como en outros anos, as conferencia serán presentadas por voluntarias da Biblioteca de Verín; Ana García, Sofía Lorenzo e Sara Blanco serán as encargadas deste cometido; ademais de presentar aos autores Noelia Gallego, Lorena Carnero e Inés García
Presenza
Para esta edición está confirmada a asistencia de profesionais como Sara Vila, autora da obra premiada “Oito días sen Eva Cortes”; Pedro Feijoo, autor entre outras obras “Lume Azul”; Mikel Santiago, autor da trioloxía Illumbe “El mentiroso”, “En plena noche” e “Entre los muertos”; e por último o escritor de Vilardevós Xoán Tallón autor de “Rewind” e “Obra maestra”.
Tampouco faltarán relatores do mundo profesional da talla de Jose Luis Ferreiro Nóvoa, sarxento Primeiro da Garda Civil, especialista en Policía Xudicial; María Berta Rodríguez Martínez, Subdiretora do Instituto Médico Legal Galicia; o forense e colaborador habitual da Biblioteca, Fernando Serrulla; Enrique León Calviño, ex comisario de Vilagarcía; Miguel Losada, que dirixirá asa mesas de debate.
Como broche final de esta festa literaria organizarase un concerto de rock no pub Revólver onde xuntaranse os escritores/músicos Pedro Feijoo e Mikel Santiago, que estarán acompañados na batería por Roberto González, colaborador da Biblioteca de Verín.
SOURCE: Novela Negra Verín