Ourense, na procura dun Entroido inesquecible

A capital da provincia prepárase para vivir uns días de entroido inesquecibles. O alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, presaxiaba celebrar “o mellor Entroido da historia”, cunha decidida aposta por consolidarse como “a capital da festa no Norte de España”.
Serán sete días dunha festa “forte, potente e homoxénea durante os 7 días”, que contará con actividades para todos os públicos, grupos, orquestras e DJ´s top, dentro dunha aposta do Concello por “potenciar os catro entroidos de forma moi forte, tanto na cidade como nos barrios”.

Programación
Así, Jácome avanzou, que o Concello fixo unha aposta decidida para este Xoves de Comadres, 16 de febreiro, cunha “noite rompedora no casco antigo”, na que “as universitarias van tomar o mando da noite ourensá». Durante esa noite haberá animación na rúa con Trópico de grelos e BCB (a partir das 20.30 horas) e Latexo percusión, BrassicaRapa e Somdolilá (a partir de medianoite). Tamén chegarán as actuacións do grupo Claxxon (23.30h) e dun dos mellores Dj´s do momento -Alvama Ice- que actuará desde a unha da madrugada na praza Maior.
Durante a xornada do venres, 17 de febreiro, o máis destacado serán os desfiles escolares e dos entroidos da provincia. Os infantís serán un total de catro desfiles; ás 11 horas, o do centro fará un percorrido circular con saída e chegada desde a praza Maior pasando por Lamas Carvajal, Paseo, parque de San Lázaro, Santo Domingo, praza do Ferro, rúa da Paz e das Tendas. O das Lagoas -12 horas- irá pola praza do Mestre Vide, rúa Saenz Díez, Florentino López Cuevillas, Habana, Curros Enríquez e volta á Mestre Vide. E o da Ponte -saída ás 12.30 horas- sairá desde o CEIP A Ponte e discorrerá pola rúa Xesús Pousa, Euloxio Gómez Franqueira e baixada pola rúa San Paio, San Rosendo e volta ao CEIP A Ponte.
Xa pola tarde, ás 19.30 horas os entroidos tradicionais da provincia desfilarán pola praza Maior, Lamas Carvajal, Paseo, parque de San Lázaro, praza do Ferro, rúa da Paz, Tendas e praza Maior. Participarán: Parada de Amoeiro -onde percorrían as aldeas con carros decorados-; Felos de Maside (a cabalo); as Pitas das Eiroás; Frei Canedo da Ponte; Paquita e Nicanor de Seixalbo; Folión de Buxán -coa Máscara tradicional e o Oso-; Felos de Esgos; Felos de Maceda; Madamas e Xigantes de Entrimo; as Follateiras de Lobios; o Folión de Trives -co Boteiro-; as Máscaras da Xironda; Pantallas de Xinzo; os Labardeiros de Mugares -Toén-; o Folión de Fradelo; os Arrieiros de Petín -co Minotauro-; etc. A animación nas rúas non faltará tampouco este día desde a tarde ata entrada a noite.

Sábado e Domingo de Entroido
Para o Sábado de Entroido, 18 de febreiro, o alcalde anunciou “catro puntos quentes” que serán a Alameda, praza Maior, Santa Eufemia e a praza do Correxidor, nos que se agarda a presenza de 20.000 persoas». Durante todo o días as rúas terán animación con charangas e cabezudos e xigantes. Ademais, unha festa infantil con xogos, animación, maquillaxe e o concerto da Gramola Gominola terá lugar na praza Maior desde as 17 horas. A música a porá a orquestra Olympus (23.30 h rúa Progreso); e sesións de Dj´s na praza de Santa Eufemia (23.30 h), praza do Correxidor (00.30 h) e Dj Michenlo á unha da noite na praza Maior.
E o domingo, 19 de febreiro, será outro día con gran actividade. O desfile dará comezo ás 16.30 horas e partirá desde As Lagoas pasando por Curros Enríquez, Xoán XXIII e Progreso; ás 20 horas terá lugar a entrega de premios das mellores comparsas e carrozas. Tamén a rúa do Progreso acollerá música: ás 19 e 21.30 horas actuación do grupo Assia e ás 19.30 horas actuará o coñecidísimo King África.

Recta final
Nos tres últimas días, as actividades non decaerán e prevese unha recta final de entroido do máis animada. Así, o Luns de Entroido haberá animación na rúa desde a mañá ata a noite. A praza Maior acollerá unha festa infantil desde as 17 horas. E a música volverá estar presente co grupo América (23.30 h, rúa do Progreso) e Dj´s na praza da Santa Eufemia (23.30 h) e praza do Correxidor (00.30 h); na praza Maior A Gramola (23.59h) e Groove amigos (1.00h).
O día 21, Martes de Entroido, haberá novas propostas para todos os públicos con animación na rúa e a festa infantil que se celebra na praza Maior desde as 17 horas. Ademais, unha das novidades máis «sabrosas» será a degustación gratuíta de 10.000 orellas de Entroido para as persoas que vaian disfrazadas, antes da actuación de París de Noia que terá lugar na rúa do Progreso ás 19 horas.
E o mércores, 22 de febreiro, Ourense despídese do entroido co Enterro da Sardiña. A praza Maior acollerá a actuación de Queiman e Pousa ás 19 horas, e posteriormente (20 hora) procederase á procesión do Enterro da Sardiña. Esta sairá desde a praza Maior ata o parque de San Lázaro (fronte á Subdelegación do Goberno) onde terá lugar a queima do meco.