Entrevista a María Elena de Jesús Rodríguez (Malena), directora e psicóloga do CIM de Ourense.
Con motivo do 8M Día Internacional da Muller, falamos con María Elena de Jesús Rodríguez (Malena), directora e psicóloga do Centro de Información ás Mulleres de Ourense (CIM) da Concellería de Igualdade.
Falabas de que hai un retroceso da mocidade en canto á violencia de xénero. Se estamos nunha sociedade que fai anos educabase nunha cultura machista e os de agora veñen con certos “tics”, que é o que acontece?
Malena: “Non é que estén retrocedendo é que a sociedade está retrocedendo. As xeneracións anteriores traballamos moito esto e se supón que a xuventude tería que estar máis mentalizada, de feitos estos temas se tratan nos colexios, porén a nivel social hai un retroceso moi grande. Só hai que ver a televisión para ver que incluso partidos políticos o levan como bandeira ao non crer na violencia de xénero, por exemplo. Entón, neste campo onde se está falando da igualdade, a xuventude e os maiores estamos naturalizando estas formas de relación: faltar, deslixitimar, insultar,… e se ve normal no seo das parellas. Por que se segue a promover o amor romántico, os celos como sinónimo de amor. Tamén falta moita educación en valores; que se trate o tema das emocións, a sexualidade; cultivar, por así dicilo a parte humanística”.
E como ves o futuro neste tema?
M.: “Penso que se chega a un punto que non se sostén. Entón isto terá que encarrilarse de novo, polo que se precisa unhas políticas de igualdade, xa que son uns dereitos propios e adquiridos e non os van deixar perder. Que as novas xeracións utilicen a violencia como forma de resolver os conflitos tampouco é bo para ninguén”.
Falanos un pouco do CIM de Ourense?
M.: “Estamos tres persoas no CIM, que é un centro municipal da administración, gratuíto e prestamos atención psicolóxica, xurídica e socio-educativa. Realizamos un labor asistencial (traballando cas mulleres no día a día), e unha labor preventiva que son estas campañas de sensibilización para achegar a igualdade e a diversidade e estos problemas que temos sen resolver. Logo estamos coordinados con diversos colectivos. A nivel social está a área da muller de partidos, sindicatos, universidade, asociacións veciñais e feministas, e outras máis. E logo está a comisión de violencia de xénero onde estamos profesionais que intervimos con mulleres -corpos e forzas de seguridade, colexio de avogados, centro penitenciario, servicios sociais e un longo etc.-”.
A cantas mulleres atendedes no CIM? E cal é a porcentaxe de menores que chegan pedindo axuda?
M.: “Sobre 350 ao ano. E iso por que chegamos a onde chegamos, por que como dixen somos tres persoas. A moitas mulleres se lles da cita para dentro de dúas semanas e van ao de Barbadás ou ao do Pereiro de Aguiar. Penso que habería que duplicar ou triplicar a plantilla. Ademais, levamos temas de persoas LGTBIQ, que está ben, que hai que darlles resposta, pero precísase persoal, dentro da Concellería de Igualdade, que de ese servizo específico. Se duplicamos a plantillas creo que duplicaríamos o número de atencións.
En canto a rapazas vítimas de violencia de xénero menores de idade están ao redor do 12%”.
Cifras enormes para unha cidade como Ourense duns 105.000 habitantes.
M.: “Pois é a punta do iceberg; hai moitas máis. Tamén é certo que hai mulleres que non van ao CIM do seu concello e prefiren vir ao da cidade por que está máis no anonimato que no CIM que lle correspondería, por que podería vela alguén coñecido. Recordo unha muller, que tiña máis preto outra comunidade autónoma que o CIM de Ourense, e se metía os máis de 100 quilómetros para que non a recoñeceran”.
Supoño que vos chegarán casos terribles.
M.: “Horribles, si. Chegan casos de violencia por parte de parellas, ex parellas e incluso dentro do ámbito familiar. O acoso nocturno dentro da propia pandilla ou do instituto; comézase unha relación máis cercana cunha persoa e que se saltan os límites nun momento dado porque chegan mensaxes que circulan incluso avalados por partidos políticos de que un non é un si, ou depende, e eses mensaxes reforzan o que están facendo. Ves nos medios, por exemplo, o tema da manada, e dis, bueno, casi o levan ao plano da diversión e o ocio e o suben ás redes sociais.
Logo hai mulleres que levan 30 ou máis anos e que aguantaron para que os fillos e as fillas fixeran a carreiras e teñan agora un traballo. E cando deciden separarse as axudas económicas son limitadas no tempo e na cantidade”.
Volvendo ás menores, estamos nun momento no que se recibe moita información.
M.: “Recibiron moita información pero de que tipo. Nos colexios din que xa están saturados, que veñen a dar a charla de violencia moitas ong´s, institucións, etc. E o mellor sería dar menos, pero de máis calidade. Hai que levar este tema dunha maneira máis rigorosa, o que non quita que leves a algún convidado. Pero que sexamos tantos e non se leve un control de quen fala, como fala e que mensaxes está transmitindo. Logo está o curriculum oculto, percibes moita igualdade, pero paralelamente todas as películas son reiterativas do uso da violencia, o telexornal falan do número de mortas como unha máis. E logo están o que din certas cancións, o acoso nas redes sociais”.
Séguese confundindo o amor coa liberdade?
M.: “O tema dos celos séguese vendo como algo moi romántico, como o de que o meu mozo me quere, por iso, non me deixa poñer unha minisaia; como tamén hai o eu non saio porque ao meu mozo sei que non lle gusta, ou non vou de Erasmus porque prefiro quedarme aquí por el. Non me prohibe vestirme con algunha roupa, pero cada mañá teño que sacar unha foto e mandarlla para que vexa como vou vestida. O control vese como amor; porén non está mal que el saia cos seus colegas”.
Para rematar, desde o CIM axudouse a moitas mulleres.
M.: “Espero que teñamos contribuído a que así sexa. Algunhas veñen despois e teñen unha vida máis normalizada e bonita; cos seus dereitos respectados, son felices coa decisión que tomaron”.