A CHMS firma un convenio co Concello de Xinzo

Para a canalización subterránea dos vertidos ao río Limia.

Nestas datas no que a auga colle protagonismo co Día Internacional da Auga (22 de marzo), a Confederación Hidrográfica do Miño Sil, unha das administracións capitais para a súa conservación e bo uso, vén de firmar un convenio co Concello de Xinzo de Limia. O mesmo permitirá -cunha tecnoloxía punteira- a execución duns traballos que permitirán a recollida dos vertidos sen depurar ao río Limia e a súa canalización a un pozo existente da rede municipal, no parque do Toural, que os levaría á EDAR. Máis en concreto, as obras de saneamento consistirán na recollida de vertidos da zona do antigo matadoiro, de construcións na marxe da estrada de Baltar e avenida de Portugal, así como outros vertidos de construcións na marxe esquerda do río Limia, incluída a zona das piscinas municipais, pavillón e resto de instalacións deportivas municipais. Canalizaranse ata un pozo existente no parque do Toural, dende onde se transportarán á EDAR.
As actuacións -que teñen prevista a súa licitación esta primavera- terán un custe de 1.420.000 euros, dos cales a Confederación aportará o 80% e o concello o 20% restante.

Mobilidade
Unha vez eliminados os vertidos, urbanizaranse as dúas marxes. Continuarase un carril bici con senda peonil nas dúas marxes, entre a ponte da estrada de Baltar e o da rúa Sitibal no parque do Toural.
A alcaldesa, Elvira Lama, visitou a contorna do río Limia xunto co presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e os concelleiros Ramón Gómez e Alberto Martínez. A rexedora asegurou que este proxecto «suporá un antes e un despois para Xinzo de Limia» e permitirá «que os veciños e veciñas poidan vivir cara o río». Tamén insistiu en que o río Limia é internacional e irmanda ao concello con Ponte de Lima, en Portugal.
O presidente da Confederación Hidrográfica Miño- Sil, José Antonio Quiroga, subliñou a importancia deste convenio, «pois os ríos son un elemento cardinal das nosas vidas». Tamén lembrou que hai outro proxecto que tamén contribuirá a rexenerar o río Limia. Trátase do derribo da ponte de Gudín.